Caldas organiza obradoiros para proxectar o talento mozo e en galego no audiovisual
Caldas, 17 de outubro de 2024. O Concello de Caldas, a través da Concellería de Educación, vén de organizar o ciclo ‘Un idioma de cine’, unha iniciativa de obradoiros e charlas para proxectar o talento da mocidade caldense no audiovisual e, á vez, promover o uso do galego. As actividades, destinadas a rapazada de 4 da ESO, darán as chaves para mozos e mozas graven as súas propias curtas.
Segundo explica o Tenente de Alcalde Manuel Fariña, a proposta xorde dentro da Programación de Normalización Lingüística municipal, coa idea de que a rapazada “cambie a perspectiva sobre a nosa lingua e vexa que con ela se pode xerar contido diferenciador”. As actividades comezaron esta semana e prolongaranse ata o mes de novembro, con seis grupos nos centros de ensino IES Aquis Celenis, CPR San Fermín e CPI Alfonso VII e catro sesións diferentes.
As charlas e os obradoiros estarán dirixidas por ‘Producciones Mutantes’, un estudio creativo e productora de gran experiencia e coñecemento do sector. Haberá tanto coloquios con referentes moi coñecidos do audiovisual galego como tamén con ‘influencers’ que utilizan a lingua galega para os seus contidos.
No caso dos talleres prácticos, nun primeiro momento o alumnado coñecerá como é o proceso creativo para despois xerar os seus propios guións e a continuación preparar a técnica de rodaxe e gravar familiarizándose coas ferramentas necesarias. Finalmente, traballarase na preparación da montaxe e a postprodución das pezas audiovisuais.
Fariña resalta “a importancia de realizar actividades que atraian o interese da mocidade dende o Concello á vez que se lles ofrece formación e se potencia o seu interese pola lingua”. Sostén o nacionalista caldense que para moitas das persoas participantes estes talleres de formación poderían ser o inicio dunha saída profesional.
Agarda o concelleiro que estes obradoiros para experimentar coas artes escénicas supoñan un grande éxito. De feito, dende o Concello estase a traballar na posibilidade de poñer en marcha algún tipo de certame-concurso para premiar os traballos máis creativos. “Queremos potenciar todo o noso talento”, afirma Fariña.