A INICIATIVA TEN COMO OBXECTIVO RESTAURAR A POSIBILIDADE DE QUE A CATIVADA APRENDA GALEGO DE XEITO NATURAL
O programa APEGO suma xa 500 familias en Pontevedra
Pontevedra, 17 de outubro de 2024. O Servizo de Normalización Lingúística do Concello de Pontevedra, recibía esta mañá a familia número 500 adherida ao programa Apego. Unha cifra elevada e froito do traballo de moitos anos pero que, segundo apunta a técnica responsable “as familias que participan das actividades que programamos son moitas máis. Para adherirse ao programa é preciso solicitar cita para unha entrevista personalizada. Nós propoñemos medidas en función dos seus usos lingüísticos e arroupamos dando recursos para que as familias leven a casa e poidan crear así contextos e espazos de socialización en galego. Traballamos cos país e nais, porque se eles falan, os nenos e nenas, falan.”.
Aínda que o programa estaba destinado inicialmente a familias residentes na cidade, a alta demanda fixo que, na actualidade, o proxecto admita familias que pese a non vivir aquí, fan a súa vida en Pontevedra por mor do traballo ou a escolarización da cativada e inflúen na lingua que se escoita na cidade.
O obxectivo principal do Apego é reconstruír espazos de socialización en galego e reforzar a transmisión de país e nais a nenos e nenas; restaurar a posiblidade de que a cativada aprenda galego de xeito natural, especialmente nos primeiros anos de vida, entre os 0 e os 7 anos.
“Tamén dar resposta a unha demanda recurrente das familias e un problema común a todos os concellos que participamos no Apego: as familias botan de menos máis galego na escola, por ese contexto de socialización tan necesario para oír a lingua e sentir a necesidade de responder. Vendo os datos, faise máis evidente que esta é a liña de acción necesaria. Na páxina de recursos temos creado moito material que serve para familias, pero tamén para profesionais de educación de 0-3 e de 3 a 6 anos: arrolos cantados con letra e música, xogos recitados para coñecer o corpo e fomentar o apego coas persoas adultas, xogos de psicomotricidade, para aprender a ordenar, xogar co vocabulario cotiá. Tamén etiquetas para material escolar ou convites para festas infantís, videos, etc.”
Dentro das actividades, que complementan o programa conxunto de accións que conforman o Apego, onte tivo lugar a sesión de narración oral ‘O pozo do encanto’ da man de Lydia Botana e Fabaloba, que presentou numerosos recursos para a crianza en galego. O, venres 18 terá lugar ‘Tralará’, unha sesión de contos, música e obxectos con Marta Ortiz, chea de cantos e refráns, retrousos e rimas, xogos de palabras e contos versados para para xogarmos coa lingua. As actividades do Apego precisan de inscrición previa e teñen prioridade as famiias que están adheridas ao programa.