Soutomaior inicia o luns 21 as obras de transformación da praza da Pedreira
Soutomaior, 18 de outubro, 2024. O Goberno de Soutomaior vén de anunciar que este luns comezan as obras de transformación da praza da carreira dos bolos do barrio da Pedreira. Unha importante actuación na que o Goberno local inviste preto de 180.000 euros no rural de Soutomaior para construír o primeiro dos núcleos de centralidade que se van a desenvolver na parroquia de Soutomaior.
O proxecto, deseñados polo estudo Cendón-Vazquez Arquitectos, ten prevista a actuación en toda a contorna da praza, humanizando e modernizando os espazos que a conforman. Ademais, as obras tamén teñen por obxectivo recuperar a esencia tradicional deste espazo no que hai décadas os veciños e veciñas do barrio xuntábanse para xogar aos bolos celtas.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, agradeceu “o inmenso traballo desenvolto polo equipo de goberno e polas funcionarias municipais á hora de conseguir o financiamento necesario para levar a cabo esta actuación”.
Lourenzo sinalou que “o Goberno segue traballando a pleno ritmo para acometer a transformación rural e urbana de Soutomaior. Ás obras que comezan este luns no barrio da Pedreira súmanse a actuación na Praza da Aldea, en Arcade de Riba, na que se levou a cabo a súa humanización e conversión nun núcleo de centralidade”.
O rexedor tamén subliñou a fructífera reunión mantida en Madrid a semana pasada co director xeral de Carreteras, na que o Goberno de Soutomaior presentou a súa proposta para a humanización da N-550 ao seu paso por Arcade.
“Soutomaior está a seguir o modelo de vertebración e transformación urbana e rural de concellos como Tomiño e Allariz, que á vista está que tan bos resultados dá”, sinalou o rexedor de Soutomaior, que destacou que “temos un concello marabilloso, cunhas posibilidades infinitas, e xa é tempo de que se poña en valor para que o espazo rural e urbano podan estar á altura do que merece a veciñanza”.