O Concello de Pontevedra conxela taxas e impostos por undécimo ano consecutivo
Pontevedra, 18 de outubro de 2024. O edil de Economía e Facenda, Raimundo González, anunciou a conxelación das taxas e impostos municipais no Concello de Pontevedra por undécimo ano consecutivo. O concelleiro explicou que a decisión chega “unha vez realizadas as proxeccións económicas necesarias para a prestación dos servizos básicos aos cidadáns”.
González lembrou que “aínda que poida parecer obvio”, o obxectivo fundamental dos ingresos é prestar os servizos básicos fundamentais. A proxección económica realizada nos servizos económicos do Concello indica que non é preciso subir os impostos ou as taxas para poder seguir mantendo estes servizos. “Para nós, o asunto das taxas e dos impostos, no que se adoita caer na demagoxia, require dun estudo complexo que no noso caso ofrece resultados moi positivos”.
Raimundo González, explicou que as proxeccións económicas dos servizos municipais indican que a prestación dos servizos básicos está garantida
Así, a decisión de manter a mesma presión fiscal para a veciñanza pontevedresa achégase, de xeito principal, grazas ao aumento de ingresos a través de distintas distintas fontes, coma o repunte de recadación de impostos no caso do ICIO, asociado ás obras, ou o incremento das transferencias estatais.
A conxelación das taxas e impostos aforrará aos pontevedresas e pontevedresas un total de 1,57 millóns de euros, que non terán que asumir no seu peto a subida do IPC.
Esta conxelación fará que todos os pontevedreses e pontevedresas aforren un total de 1,57 millóns de euros
En definitiva, “non nos damos por satisfeitos”, engadiu o concelleiro. “Seguiremos traballando na depuración de padróns e actualización e na persecución de fraudes. Falamos de actuacións que nos deron bo resultado até o de agora. Malia non subirmos impostos e taxas, os ingresos foron medrando, por diversas causas, pero foron medrando. Nós o que buscamos con todo isto é a equidade fiscal, que todo o mundo pague, non é un afán recadatorio, é tratar a todos os cidadáns da mesma maneira, ademais de buscar eficiencia no gasto”.