OS CONCELLOS PEQUENOS E DE POBOACIÓN CONCENTRADA CORREN O RISCO DE QUEDAR FÓRA
O BNG advirte de que un mes de prazo para que os concellos presenten proxectos ao Plan Extra da Deputación é pouco tempo
Pontevedra, 18 de outubro de 2024. O grupo provincial do BNG cualificou hoxe de “alegría” que a Deputación de Pontevedra inxecte outros 43 millóns de euros aos concellos da provincia e votou a favor da modificación de crédito e do Plan de Infraestruturas Deportivas que hoxe se levaron ao Pleno provincial. A equipa nacionalista abstívose, sen embargo, sobre o ‘Plan Extra’ ao considerar que as bases son “manifestamente mellorables”: o portavoz César Mosquera argumentou que dar só un mes de prazo aos concellos para presentar proxectos é “pouco tempo”, que non vai haber equidade no reparto dos fondos, e que o texto limita a xestión dos biorresiduos ao quinto colector.
Mosquera destacou que a modificación de crédito, que incorpora remanentes de anos anteriores e tamén ingresos extraordinarios chegados do Estado, demostra que non eran certas as afirmacións iniciais do PP de que a Deputación tiña unha mala saúde económica pola xestión do goberno bipartito anterior. “Sería hora de dicir que se enganaron, que alguén lles informou mal, e que realmente estaba moi ben economicamente”, subliñou o portavoz do BNG. Tamén sinalou que de ter saído adiante a postura do PP de rebaixar impostos do IRPF ou o IAE “non habería estes cartos porque teñen orixe nos impostos do Estado. (...) En contra do seu criterio, afortunadamente hai eses recursos e por iso se pode facer esta modificación”.
En canto ao Plan Extra, Mosquera aplaudiu o destino dos cartos, pero asegurou que as bases son “manifestamente mellorables”. O nacionalista criticou que o goberno da Deputación non tivera contactado cos demais grupos provinciais para consensuar os criterios para facer o reparto e subliñou que hai un retroceso con respecto a plans anteriores porque non se teñen en conta estritamente os méritos de cada proxecto.
Sostén Mosquera que os criterios obxectivos (poboación, extensión...) van crear desigualdades “monumentais” e farán que non haxa equidade no reparto, discriminando a entrada dos concellos pequenos, de poboación concentrada e menos de 5.000 habitantes , “que van quedar en fila todos fóra”. Subliñou o nacionalista que en moitos casos estes municipios parten con 20 puntos menos para os seus proxectos, que despois serán imposibles de recuperar en función das valoracións subxectivas a pesares de que propoñan actuacións estratéxicas. “Non parece razoable”, insistiu.
Deixando isto a un lado, o grupo do BNG tendeu a man ao goberno provincial para votar a favor do Plan Extra e pediu dúas cuestións: que se aumentase o prazo para presentar proxectos dun mes a dous meses, e que se substituíse o termo “quinto colector” por “recollida de biorresiduos” para non acoutar os sistemas polos que opten os gobernos locais para xestionar os seus residuos municipais. Ningunha cuestión foi aceptada.
En canto ao prazo para entregar os proxectos do Plan Extra (con orzamentos que poderán chegar a preto de 1,5 millóns de euros), Mosquera lembrou que nunca se presentaron plans especiais con tan pouco tempo para entregar a documentación. Destacou que o PP estando na oposición pedía máis de tres meses e acusaba ao bipartito de querer beneficiar a concellos afíns avisándoos antes para que estiveran preparados. Agora “con presa e correndo”, cuestionou, o PP anuncia e aproba as bases nunha semana e só dá un mes para entregar: “É unha decisión arbitraria por motivos inconfesables”, subliñou o portavoz.
En canto ao Plan de Infraestruturas Deportivas, o BNG votou a favor ao considerar que os criterios “son claros e obxectivos, non como no anterior plan”. Mosquera ironizou ao poñer de manifesto que para proxectos pequenos deste plan deportivo o goberno provincial dará tres meses de prazo: “Leva máis tempo facer proxectos de 20.000 euros, pequenas cousas, que proxectos dun millón?”, dixo, facendo fincapé en que o argumentario do PP para xustificar os prazos do Plan Extra “non hai por onde collelo” xa que “queren defender o indefendible”.