Multitudinaria resposta veciñal ao xantar organizado polo BNG para agradecer o traballo realizado por Roberto Rivas e Amelia Cancela na mellora e dinamización de Barro

Multitudinaria resposta veciñal ao xantar organizado polo BNG para agradecer o traballo realizado por Roberto Rivas e Amelia Cancela na mellora e dinamización de Barro

Barro, 21 de outubro de 2024. Roberto Rivas e Amelia Cancela veñen de recibir o arroupe e o cariño non só dos seus compañeiros e compañeiras de organización senón, e sobre todo, dos máis de douscentos veciños e veciñas, que os acompañaron no xantar organizado polo BNG para agradecerlles o seu compromiso con Barro e o seu magnífico traballo para que o “noso concello sexa hoxe por hoxe un referente en toda a comarca”, en palabras do alcalde Xosé Manuel Fernández Abraldes.

Amelia Cancela e Roberto Rivas veñen de deixar a corporación municipal logo de nove anos no goberno de Barro e, no caso de Roberto, de 21 anos na corporación municipal, traballando sempre en positivo para lograr un Barro cada día mellor. “Nós seguiremos facendo o que fixemos sempre: traballar por Barro e por Galiza. Se pensades que isto é unha despedida ides aviados. Encontrarémonos sempre gozando deste pobo marabilloso e a pé de rúa loitando polo que é xusto e necesario para mellorar Barro, Galiza e, se me apurades un pouco, o mundo”, afirmou Roberto Rivas.

No acto tomaron a palabra, ademais de Roberto Rivas, a nova concelleira, Andrea Pérez e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, ademais dun emotivo saúdo de Amelia Cancela.

Xantar de recoñecemento a Roberto e Amelia
Xantar de recoñecemento a Roberto e Amelia

Na súa breve intervención, Andrea Pérez referiuse a Roberto e Amelia como fonte de inspiración para o traballo que ten por diante. “Sabedes que son ‘novata’, pero encaro o meu traballo no concello tendo a ilusión e traballo incansábel de Amelia e a sabiduría de Roberto como dous faros dos que aprender e inspirarme para facer o meu labor da forma máis eficaz posíbel e que redunde na vosa calidade de vida”.

Pola súa banda, o alcalde Barro quixo resaltar que “coa marcha de Roberto e Amelia péchase un periodo moi frutifero para o concello, onde se puxeron en marcha moitos proxectos vitais e transformadores, e por iso sempre lles estarei tremendamente agradecido. Péchase un periodo e ábrese outro, con dúas persoas novas, unha, Hadrian Silva, xa coñecedora da maquinaria municipal, porque foi un brillante concelleiro e outra, Andrea Pérez, nova en estas lides pero cun entusiamo e ilusión que nos contaxia a todos e a todas, por iso teño a certeza de que a Barro lle esperan uns anos moi produtivos para seguir avanzado neste proxecto común de facer de Barro un concello cada día mellor, con máis e mellores servizos”. 

A impronta deixada por Amelia e Roberto en Barro quedou patente na resposta masiva das veciñas e veciños que non quixeron faltar a este acto de recoñecemento e que, coa sua presenza, agradeceron o traballo dos ex-concelleiros e fixeron que o xantar se convertise nun acto moi emotivo, deixando numerosas mostras de cariño e aprecio.

Multitudinaria resposta veciñal ao xantar organizado polo BNG para agradecer o traballo realizado por Roberto Rivas e Amelia Cancela na mellora e dinamización de Barro