Soutomaior presenta o seu “Verán Activo 2026”

presentacion verán activo 2026
presentacion verán activo 2026
Soutomaior presenta o seu “Verán Activo 2026”

Soutomaior, 5 de xuño de 2026. O ocio ocupa un papel fundamental nas nosas vidas e está directamente ligado ao benestar persoal, á autorrealización, á expresividade e ao encontro entre persoas. Con este obxectivo, o Concello de Soutomaior presenta o programa municipal de lecer e tempo libre “Verán Activo Soutomaior 2026”.

O programa foi presentado esta mañá polo alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, o concelleiro de Deportes, Gonzalo Outeiro, e a técnica de Mocidade, Sonia Pintos, a técnica de Deportes, Raquel Villaverde e a animadora lúdico deportiva, Silvia Suárez.

Trátase dunha ampla oferta de actividades dirixidas a todos os públicos, co obxectivo de promover estilos de vida saudables, potenciar as inquedanzas artísticas e reforzar habilidades útiles para a vida cotiá. O Concello anima á participación da veciñanza empadroada no municipio para compartir o tempo de lecer a través de propostas inclusivas, seguras e enriquecedoras.

O programa desenvolverase durante os meses de xullo e de agosto e inclúe actividades lúdicas, deportivas e de convivencia que favorecen a socialización, o contacto coa natureza e o desenvolvemento persoal nun ambiente educativo e divertido.

Está dirixido á mocidade, familias, persoas maiores de 60 anos e ao conxunto da cidadanía, garantindo propostas inclusivas e adaptadas con apoios específicos cando sexa necesario.

Principais liñas de actividade

  • Actividades deportivas para todas as idades: Inclúense propostas como deporte con rede, lecer deportivo, camiñatas, bailes deportivos, campus deportivo e actividades de aventura e no medio natural.
  • Actividades para maiores de 60 anos: Orientadas ao envellecemento activo e ao benestar integral, con actividades como petanca, bailes e camiñatas.
  • Actividades en familia:Propostas de lecer compartido como “Mércores en familia”, “Os venres, hai tema”, festas da escuma e inchables.
  • Campamentos de verán para a mocidade: Actividades temáticas que promoven a aprendizaxe, a socialización e a diversión, como o campamento de surf en Razo e o campamento de inmersión na natureza en Valverde (Cáceres).
  • Actividades inclusivas: Deseñadas para garantir a participación de todas as persoas, independentemente das súas capacidades, eliminando barreiras e promovendo a diversidade. Inclúese, entre outras, a proposta “Movemento inclusivo”.

En definitiva, trátase dun programa de lecer pensado para todas as persoas, que dinamiza os espazos municipais e promove xogos en equipo, dinámicas sociais, deporte e aventura, hábitos saudables, contacto coa natureza e actividades en inglés, fomentando a creatividade, o benestar e a convivencia.

Inscricións e información

As inscricións realizaranse a través da web municipal www.soutomaior.gal no apartado de preinscrición, nas datas indicadas. A apertura das inscricións será sempre ás 9:30 horas.

A maior parte das actividades abrirán inscrición o 8 de xuño, agás as de deporte de aventura, que se abrirán o 10 de xuño. As prazas son limitadas.

O Concello informa de que terán preferencia as persoas empadroadas en Soutomaior e que as idades deberán cumprirse no ano en curso. As actividades realizaranse sempre que se acade un mínimo de participantes.

Será necesario indicar na inscrición as posibles necesidades de adaptación ou apoio específico. As persoas maiores poderán solicitar axuda para a inscrición en liña no Concello ou no Centro de Benestar Integrado (Multiúsos), só en caso necesario.

PROGRAMA

 

Soutomaior presenta o seu “Verán Activo 2026”