O Concello de Barro outorga a licenza de construción a Comercial de Vehículos Instustriais TAR S.L. no Polígono de Outeda
Barro. 5 de xuño de 2026. O Concello de Barro deu un novo paso no desenvolvemento do seu tecido industrial coa concesión da licenza de construción á empresa Comercial de Vehículos Industriais TAR S.L. A firma, de orixe ourensá, elixiu o polígono de Outeda como o emprazamento estratéxico para expandir a súa actividade e levantar as súas novas instalacións.
O proxecto situarase especificamente sobre as parcelas E-5 e E-6 do sector E do parque empresarial. Segundo recolle a licenza aprobada, a nova nave contará cunha superficie construída de 1.672 metros cadrados, onde se situará un taller especializado en servizos mecánicos, ademais dunha área destinada á exposición e venda de vehículos comerciais e industriais da recoñecida marca MAN. O orzamento de execución material para esta obra ascende a un total de 550.000 euros.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, amosou a súa satisfacción por esta nova incorporación ao tecido empresarial local, subliñando o dinamismo económico do municipio. O rexedor sinalou que é unha excelente noticia para Barro seguir atraendo a empresas que escollen o concello para desenvolver os seus proxectos de futuro, o que demostra, de forma clara, o bo momento que vive o municipio a nivel de atracción de investimentos. Así mesmo, Fernández Abraldes destacou que con este novo proxecto o polígono de Outeda segue a consolidarse como un espazo referencial na comarca, especialmente no sector servizos, apostando por empresas limpas, sostibles e xeradoras de actividade económica.