DO 26 DE FEBREIRO AO 14 DE MARZO

Arxentina será o país convidado do Salón do Libro 2027 que viaxará ao espazo

Rolda Salón do Libro
Rolda Salón do Libro
Arxentina será o país convidado do Salón do Libro 2027 que viaxará ao espazo
Pontevedra, 5 de xuño de 2026. O edil de cultura avanzou hoxe varias novidades sobre a vindeira edición do Salón do Libro que terá lugar entre o 26 de febreiro e o 14 de marzo de 2027. Cun pequeno petisco con mate, empanadillas e doces arxentinos preparados por Vía Nai, Demetrio Gómez anunciou que o espazo será o tema central baixo o lema ‘De Pontevedra á Lúa. Un universo de libros’ e Arxentina o país convidado.

Gómez afirmou que “cada ano ao rematar o Salón, comeza o traballo para o seguinte. Sempre temos en conta as suxestións dos centros de ensino, que recollemos a través dunha enquisa, pero este ano tivemos como novidade organizativa incorporar á equipo de traballo do Salón dúas profesoras de infantil e primaria para realizar a escolla entre todas as propostas recibidas. Nese equipo estaban Risotadas, responsable da dinamización, Vacío Cero e Trisquela de ambientación, dirección e comunicación. Constituímos ese grupo de traballo moi produtivo e a perspectiva que achegaron as profesoras foi moi importante xa que apuntaron que cinema e a música centraron as últimas edicións do Salón e consideraron que era necesario romper coa temática das artes escénicas, achegando como proposta o espazo. A partir dun diálogo frutífero pechouse que ‘De Pontevedra á Lúa. Un universo de libros’ será o tema escollido para tratar diferentes perspectivas: as eclipes, a observación astronómica, a literatura e a ciencia ficción, exploración espacial”.

O edil apuntou que a présa e importancia desta reunión responde a que “cada ano a estas alturas damos a coñecer aos centros de ensino que colaboran co Salón toda esta información para que organicen o vindeiro curso tendo en conta o tema, datas e país convidado”.

“Foi un acerto reunir ese grupo, que por certo son todo mulleres, porque son profesionais moi ben preparadas e amais o traballo en equipo no Salón funciona moi ben. Había tamén que escoller un país porque con el teñen que traballar os centros de ensino: Este ano vai ser Arxentina. Relacionado a través das viaxes co tema do espazo. Cando galegas e galegos emigrabamos a Arxentina era unha viaxe como as que fan agora á Lúa. Había que preparalas con moitísimo tempo e case case, eran para sempre. Bos Aires chegou a ser a cidade con máis galegofalantes do mundo. A literatura arxentina é excepcional, gañou o Premio Hans Christian Andersen no 2012 e a partir desa data entrou varias veces na short list de autoras e autores de ilustración e narración. É un país que pola súa relación con Galiza, as ligazóns afectivas que nos unen e polo traballo didáctico desenvolto desde Pontevedra con Arxentina en proxectos coma o do IES Luis Seoane, vainos permitir que o Salón teña moito traballo rodado”.

Sobre as datas de celebración, do 26 de febreiro ao 14 de marzo, o edil xustificou que forman parte do calendario habitual “entre Entroido e Semana Santa”. Apunta que algunha de xeito excepcional o Salón tivo lugar no último trimestre do ano pero, tamén comentamos na reunión, que os centros escolares teñen aí moitas saídas exteriores e prefiren o Salón no segundo trimestre, a finais de inverno ou comezo da primavera”.

Arxentina será o país convidado do Salón do Libro 2027 que viaxará ao espazo