O Concello de Pontevedra constrúe un muro de contención no aparcadoiro da rúa Alemaña de Monte Porreiro para asegurar o noiro da parcela

Muro contención estacionamento Rúa Alemaña
Muro contención estacionamento Rúa Alemaña
O Concello de Pontevedra constrúe un muro de contención no aparcadoiro da rúa Alemaña de Monte Porreiro para asegurar o noiro da parcela

Pontevedra, 8 de xuño de 2026. O Concello de Pontevedra continúa a executar obras no barrio de Monte Porreiro para mellorar o espazo público. Nesta ocasión, os operarios traballan nos remates da construción dun muro de contención no aparcadoiro en superficie situado na rúa Alemaña que tiña risco de caer.

Esta intervención, coordinada polo concelleiro delegado do barrio, Alberto Oubiña, pretende solucionar os problemas de degradación que viña sufrindo o noiro lindeiro á parcela, o cal supera os 20 metros de lonxitude e presentaba risco de pequenos desprendementos de terras.

Para atallar esta situación, ergueuse un muro que proporcionará a estabilidade necesaria ao terreo. Ademais da colocación dos grandes bloques de pedra, a actuación complétase coa instalación das tubaxes de drenaxe, a colocación dunha protección xeotéxtil, unha coroación de perpiaño tosco, a limpeza da superficie do estacionamento e o repintado das prazas.

A mellora supón un investimento municipal de 31.924,13 euros.

Máis servizos para o barrio

A construción deste muro abunda na batería de intervencións desenvolvidas nestes últimos tempos polo Concello para dotar de máis servizos e prazas de estacionamento ordenadas a todo o barrio de Monte Porreiro.

Cómpre lembrar que, en colaboración coa asociación veciñal, o Concello xa executou recentemente o acondicionamento en superficie dun terreo público entre as rúas Alemaña e Eirín. Así mesmo, estas melloras estendéronse á rúa Portugal, onde se adecuou outra parcela e se canalizou un manancial, e á parte alta da rúa Grecia, onde se logrou ampliar a zona de aparcamento dispoñible e crear unha plataforma única para mellorar a accesibilidade e a seguranza peonil da veciñanza.

O Concello de Pontevedra constrúe un muro de contención no aparcadoiro da rúa Alemaña de Monte Porreiro para asegurar o noiro da parcela