Caldas realizará a maior modernización do Auditorio Municipal nos últimos 30 anos para acoller obras e formatos teatrais máis grandes

Caldas realizará a maior modernización do Auditorio Municipal nos últimos 30 anos para acoller obras e formatos teatrais máis grandes

Caldas, 29 de outubro de 2024. O Concello de Caldas vai realizar a maior modernización do Auditorio Municipal nos últimos 30 anos para acoller obras e formatos teatrais máis grandes. Así o anunciou o Tenente de Alcalde e responsable de Cultura, Manuel Fariña, quen destaca que se trata dunha mellora moi necesaria -tras moitos anos sen ningún tipo de intervención-, que suporá “un salto de calidade” para a programación cultural da vila termal. 

O voceiro nacionalista destaca que o Concello está a realizar un uso cada vez máis frecuente do auditorio, organizando actividades e eventos que teñen moito tirón de público, como aconteceu este mes pasado co ‘Mes do Teatro’. Destacou Fariña que as tres representacións programadas os domingos de outubro, con obras e artistas de primeira nivel como Isabel Risco, Cándido Pazó, Evaristo Calvo ou Luís Iglesias, colgaron o cartel de ‘completo’ en todas as funcións. Subliña, ante isto, que a mellora do auditorio é unha actuación moi necesaria. 

“Esta modernización do auditorio é un claro exemplo da nosa estratexia cultural, na aposta por dotar á vila de equipamentos axeitados á ampla oferta de actividades que acolle. Para desenvolver unha política cultural en maiúsculas como vimos facendo nestes meses -apuntou Fariña-, non só se trata de programar, senón que temos que consentir e coidar as nosas instalacións, e ao auditorio facíalle falta unha intervención, actualizando o equipamento, mellorando o mobiliario, os sistemas de iluminación e son e os elementos do escenario”, destacou. 

A intención, segundo subliña Fariña, é poder contratar representacións e novos formatos teatrais de máis entidade e envergadura, que requiran de características técnicas superiores ás que agora ofrece o actual auditorio. Plantéxase para iso unha modernización en dúas fases: a primeira fase para mellorar a platea e a segunda para mellorar o espazo escénico. 

No caso do patio, a modernización consistirá nun retapizado das butacas, xa que as estruturas aínda están en boas condicións. No caso do escenario, retirarase a traseira co fin de dar un maior fondo, e adaptaranse as dimensións para permitir un maior elenco e tamén máis ‘atrezzo’. Por outra banda, a iluminación e o son renovaranse, instalando estruturas de truss montadas en paredes e voadas do teito do recinto para colocar novos focos (e tamén un novo cable de soporte do pano), e recolocaranse os controis na entrada do auditorio. Tamén se realizará unha pequena reforma no subcadro eléctrico situado debaixo do escenario para a protección dos novos circuítos de iluminación e son. 

O orzamento destes traballos alcanza un investimento de preto de 50.000 euros, que foron aprobados cos remanentes de crédito municipais. A licitación dos traballos será inminente, polo que se espera que a actuación (que ten un prazo de execución de mes e medio) poida iniciarse antes de que remate o ano. 

Caldas realizará a maior modernización do Auditorio Municipal nos últimos 30 anos para acoller obras e formatos teatrais máis grandes