UNHA APOSTA POLA PROXECCIÓN INTERNACIONAL DA CIDADE

Pontevedra presenta o Mapa da Cidade Global

Pontevedra presenta o Mapa da Cidade Global

Pontevedra, 30 de outubro de 2024. O Concello de Pontevedra, en colaboración co Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), organiza o vindeiro martes, 5 de novembro, a presentación oficial do Mapa de Pontevedra Cidade Global, unha innovadora ferramenta que resalta as conexións internacionais da cidade. As persoas asistentes poderán obter un exemplar físico do mapa e acceder á súa versión dixital a través de pontevedra.hub.gal. 

A xornalista Belén López será a encargada de conducir o acto, que contará coa participación de Anabel Gulías, concelleira de Igualdade, Benestar, Saúde e Economía Xan Sabarís, xornalista e responsable do deseño visual do mapa; Cecilia Novas Garrido, historiadora encargada do relato histórico do proxecto; e Daniel González Palau, director do IGADI. 

O acto presencial terá lugar o martes 5 de novembro, ás 18.00h, no Pazo de Mugartegui

Co Mapa de Pontevedra Cidade Global, a cidade pon en valor as súas raíces internacionais e a actual relevancia no escenario mundial. A iniciativa destaca a historia e as relacións de Pontevedra cos cinco continentes, explorando desde o seu patrimonio histórico e cultural, ata a súa influencia global no deseño urbano a nivel internacional no S.XXI. Con versións en galego, inglés, chinés, castelán e portugués, o mapa busca posicionar Pontevedra como un referente entre as cidades intermedias a nivel internacional. 

O Mapa non só recolle as conexións históricas e culturais da cidade, senón tamén a riqueza das súas infraestruturas culturais, deportivas, académicas e empresariais, así como as figuras históricas máis destacadas que contribuíron ao perfil internacional de Pontevedra. O proxecto, desenvolvido por Visit Pontevedra, fortalece o papel da cidade como un dos destinos clave do Camiño Portugués a Santiago e como centro de interese para o turismo 2.0. desenvolvendo ferramentas de marketing territorial e incentivando a captación de investimentos. 

A edil de Promoción da cidade, Anabel Gulías, sinala que este mapa “vai supoñer unha lectura diferente das potencialidades turísticas da cidade”. “Non só recolle elementos tradicionais coma o patrimonio ou a gastronomía, senón que se centra na importancia do modelo urbano como elemento diferenciador da cidade”. 

Pontevedra presenta o Mapa da Cidade Global