15 E 16 DE NOVEMBRO NO CENTRO SOCIAL DO GORGULLÓN
Pontevedra acollerá as xornadas 'O esquecemento hoxe' que analizarán o tratamento da memoria na actualidade
Pontevedra, 30 de outubro de 2024. O edil Demetrio Gómez presentou, acompañado da xornalista e escritora Montse Fajardo, as xornadas de memoria “O esquecemento de hoxe”, que terán lugar no centro social do Gorgullón o venres 15 e o sábado 16 de novembro.
O concelleiro de Cultura salientou que “vai comezar o mes da memoria e dentro deste mes da memoria traemos as xornadas ‘O esquecemento de hoxe’ que abordarán os moitísimos temas por traballar, moitísimos asuntos que aínda hoxe en días permanecen esquecidos. Hai que marcar unhas liñas de traballo de cara ao futuro. Gustounos este oxímoron: no mes da memoria traballar sobre o esquecemento porque precisamentre procuramos traballar mirando cara o futuro e porque en Pontevedra o tema que máis nos interesa é o que nos queda por facer”
Antes de ceder a palabra á coordinadora das xornadas, Demetrio Gómez quixo salientar “o traballo que realizou Fajardo para reunir a toda esta nómina de autores relacionados co traballo que queda por diante” e quixo tamén presentar a primeira das conferencias que “será a cargo de Montse Fajardo que vai falar sobre o ‘Patronato de protección a la mujer’ que é a institución fascista que máis tempo sobrevivíu á norte do dictador. Sobre este asunto versa o seu último libro, que aínda non saíu do prelo, e polo tanto é un avance moi interesantes sobre algo no que poderemos afondar nos vindeiros meses e sobre o que se necesita aínda moitísimo traballo.”
Pola súa banda Fajardo afirmaba que “queriamos facer unhas xornadas de memoria aquí en Pontevedra que é un referentes en todo o país. Cando vou a outros sitio sempre hai esa referencia cara Pontevedra. O 12 de novembro é o día da memoria na cidade e quixemos traer a memoria ao presente. Queremos reivindicar a memoria non como un acto nostálxico, senón como unha ferramenta imprescindible para construír unha sociedade máis democrática. Poñemos o foco en temas que pese a levar medio século de democracia, aínda están pendentes. É o caso do recoñecemento ás patronatas, a a todas esas mozas que pasaron entre os 16 e os 25 anos ingresadas en institucións relixionsas porque o seu comportamento ou moralidade non encaixaba nese abafante corsé franquista ou ben porque estaban pagando o comportamento doutras persoas. En torno ao Patronato hai todo un silencio que afectou as mulleres que nos parece moi importante sacar á luz”.
Montse Fajardo é autora do primeiro traballo que estudou a implantación do organismo en toda Galiza, “Caídas”, que recibiu o premio Xohana Torres do Concello de Santiago de Compostela neste 2024.
A continuación desta primeira palestra na tarde do venres, será a quenda de escoitar o testemuño de Yslem Moh Salem Nafaa, artista coñecido como Yslem fillo do deserto, que falará da postura do Estado Español fronte ao pobo saharaui. Yslem é saharaui mais pasou parte da adolescencia na Galiza, logo de participar no programa Vacacións en Paz, e desde hai anos é un importante activista na defensa dos dereito do seu pobo. A xornada do venres conclúe cunha charla sobre a utilización das redes sociais para transmitir á xente moza ideas fascistas. Será a cargo do sociólogo experto na materia, Iago Moreno.
Outra das materias que seguen pendentes malia ter pasado case medio século desde a morte do ditador, é a existencia de cadáveres enterrados en foxas ou o descoñecemento sobre o papel da guerrilla na loita antifranquista, desde un punto de vista arqueolóxico. Por iso, a primeira das conferencias do sábado abordará, entre outras temáticas agochadas baixo un manto de esquecemento, a importancia das exhumacións e o traballo feito e pendente no país da man do arqueólogo Xurxo Ayán.
A historiadora galega Sabela L. Pato analizará o tratamento que desde o punto de vista museístico se lle dá no país aos obxectos relacionados coa memoria, ou máis ben, á ausencia de calquera tipo de política para protexelos como se debe.
A última cuestión a abordar será a revogación das leis de memoria nas Comunidades Autónomas con presenza nos gobernos da ultradereita e o desleixo cara a memoria de gobernos de dereitas como o da Xunta de Galiza, que impediu no seu momento que saira adiante a proposta do BNG. Para iso contaremos con Lourenzo Fernández Prieto, responsábel do proxecto Nomes e Voces da USC.
As xornadas serán de balde e abertas ao público en xeral mais por cuestións de aforo váiselles dar prioridade ás persoas que formalicen a súa inscrición en apuntate.pontevedra.gal