O Concello de Caldas aplaude a instalación das aulas móbiles para trasladar o alumnado e iniciar “por fin” as obras no IES Aquis Celenis
Caldas, 15 de outubro de 2024. O BNG aplaude a instalación dos primeiros contedores móbiles para trasladar o alumnado do IES Aquis Celenis e comezar as obras de ampliación do instituto. “Tras tantos retrasos, por fin a reforma vai ser realidade”, afirmou o tenente alcalde, Manuel fariña.
A presión do goberno local foi fundamental para que a Xunta de Galiza comezase a cumprir a súa parte do convenio iniciando os traballos, xa que o Concello está a executar “escrupulosamente” a parte que lle corresponde e facilitou a solución para todas as necesidades que plantexou a Consellería de Educación, entre elas o contacto entre a Xunta e a propiedade dos terreos nos que se están a instalar as aulas e polos que vai facer entrada o material para as obras.
O BNG fai un chamamento á lealdade e colaboración institucional e destaca que é necesario que Augas de Galiza emita canto antes o informe para dar para adiante ao aparcadoiro disuasorio que se pretende construír na parcela leste do instituto.
Explica Manuel Fariña que o proxecto do estacionamento foi remitido ao departamento galego hai semanas -sen que haxa novidade ao respecto- e que o visto bo da Xunta é fundamental para iniciar o proceso expropiatorio e despois licitar os traballos, algo que lle corresponde ao Concello.
“Para nós poder avanzar necesitamos que a Xunta axilice os trámites. Só cumprindo cada parte as súas obrigas en tempo e forma poderemos adiantar tanto as obras do instituto como os equipamentos complementarios como o aparcadoiro”, sostén o nacionalista, quen volveu destacar que “se é preciso, debe convocarse a comisión de seguimento do convenio, xa que a comunicación entre ambas administracións é fundamental”.
En canto ás aulas móbiles, os representantes do goberno da vila termal, solicitan á Xunta que estean operativas canto antes con todo o equipamento e as conexións dixitais necesarias para garantir, pese á súa temporalidade, unha máxima calidade educativa e que o alumnado e o profesorado “se sintan cómodos”.
“Agardamos que o inicio da actividade nas casetas non teña contratempos, que estas estean correctamente illadas, acondicionadas e listas para poder comezar as clases con garantías”, subiñou Manuel Fariña, tendendo a man para axudar dende o Concello á normalidade lectiva.