O BNG denuncia “caos” pola falla de persoal sanitario no Centro de Saúde de Cerdedo e reclama melloras na atención sanitaria en Cerdedo-Cotobade
Cerdedo-Cotobade, 15 de outubro de 2024. O caos vivido no centro de saúde de Cerdedo nas últimas xornadas coas extraccións regulares e a campaña de vacinacións, volveu poñer en alerta os graves problemas de persoal na sanidade pública no municipio. “o caos desta mañán foi tal que tiveron que ser os propios veciños e veciñas os que se auto-organizasen para salvar a xornada de extraccións e vacinación”, denunciou o portavoz nacionalista, Ernesto Filgueira.
“Para o BNG que se garanta unha atención sanitaria digna é un obxectivo irrenunciábel, e seguiremos a esixir que a Xunta solucione as graves deficiencias coas que conta o servizo sanitario no noso concello: servizo de matrona, ambulancia medicalizada, reforzos en enfermería e substitución do persoal sanitario de baixa ou de vacacións”, afirmou Filgueira.
O portavoz nacionalista anunciou que o BNG levará ao Parlamento galego para denunciar os problemas existentes no centro de saúde de Cerdedo e instar ao goberno galego a adoptar solucións que lle poñan fin á súa precaria situación. “As veciñas e veciños de Cerdedo-Cotobade temos dereito a unha atención sanitaria pública e de calidade, e non pararemos até conseguila”, concluíu o portavoz nacionalista.