O BNG denuncia o abandono da canteira da Graña, adquirida polo anterior goberno municipal de Poio para a construción entre outras instalacións do longamente demandado novo centro de saúde
Poio, 16 de outubro de 2024. O grupo municipal do BNG, acompañado polo deputado no Parlamento galego, Luís Bará, estiveron hoxe nos terreos da canteira da Graña, convertidos na actualidade nun vertedoiro, para denunciar o abandono no que se atopa esta parcela de 40.000 m2, adquirida no anterior mandato para a construción de infraestruturas fundamentais como o novo centro de saúde, o novo pavillón, novas instalacións culturais, e mellora dos accesos a Campelo.
A portavoz nacionalista, Marga Caldas, lembrou que, a pesar de os terreos foron postos á disposición da Xunta nunha reunión co conselleiro co compromiso da Xunta e do Concello de realizar os trámites necesarios para a construción do centro de saúde, a día de hoxe non se fixo absolutamente nada. “Esiximos que impulse a construción do novo centro de saúde de Poio. Hai terreos e entendemos que hai viabilidade para facer este centro tan necesario que permitiría, á súa vez mellorar os accesos a Campelo, polo que sería un verdadeiro revulsivo para a parroquia de San Xoán.
Marga Caldas critica a pasividade da Xunta e do Concello nunha obra vital para os veciños e veciñas, e que sería un verdadeiro revulsivo para San Xoán e para todo Poio
Pola súa banda, o deputado nacionalista Luís Bará anunciou as iniciativas que o BNG vai levar ao Parlamento galego en relación con esta demanda histórica da cidadanía de Poio, “para que se constrúa un centro de saúde máis moderno, máis amplo e máis funcional que o actualmente existente en Anafáns, e que permitiría a prestación de novos servizos sanitarios agora inexistentes, como fisioterapia, psicoloxía clínica, saúde buco-dental, etc”.
Trátase, expuso Bará “de darlle un pulo a este proxecto, paralizado pola Xunta a pesar dos numerosos intentos do anterior goberno municipal presidido polo BNG de darlle para adiante” . “Agora imos levar unha iniciativa ao Parlamento para que se asine un convenio entre a Xunta, o Concello e a Axencia Galega de Infraestruturas que impulse este gran proxecto de Poio que é o novo centro de saúde, e se melloren os accesos a Campelo, ao tempo que demandaremos que se manteñan os actuais centros de saúde de Combarro e Raxó e se estuden os usos futuros do centro de Anafáns, unha vez que deixe de cumprir a súa función”.
Bará solicitará a sinatura dun convenio Xunta-Concello-AGI para que se faga o proxecto e anuncia unha emenda aos orzamentos de 2025 para esta obra se licite comece canto antes
Luís Bará anunciou tamén que se vai presentar unha emenda para que se inclúa nos orzamentos de 2025 “unha partida específica para que se poida facer o proxecto, licitar a obra e que esta comece canto antes”