27 E 31 DE OUTUBRO, 2 E 3 DE NOVEMBRO

Soutomaior prepárase para celebrar por todo o alto o seu Samaín

Rosana Comesaña e Manu Lourenzo presentando o Samaín en Soutomaior
Rosana Comesaña e Manu Lourenzo presentando o Samaín en Soutomaior
Soutomaior prepárase para celebrar por todo o alto o seu Samaín

Soutomaior, 16 de outubro de 2024. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a concelleira de Promoción Económica, Hostalería e Comercio, Rosana Comesaña, presentaron nesta xornada o Samaín de Soutomaior, unha festa que se celebrará os días 27 e 31 de outubro e o 2 e 3 de novembro con diferentes actividades para todos os públicos. 

A celebración desta festa comezará o 27 de outubro cun obradoiro de cabazas na Finca Cafexo-Massó, unha cita para a cal se precisa inscrición previa e que está destinada para toda a familia. 

O día grande da celebración será o xoves, 31 de outubro, cunha festa á que dende o Goberno Local  animan a participar a todas e todos os veciños coa caracterización dunha personaxe típica desta época do ano. 

O xoves a actividade comezará ás 17:45 na Praza de Cima de Vila onde haberá un obradoiro de candeas e maquillaxe. Unha actividade creativa e divertida na que elaborar os soportes que portarán as candeas que logo poderás usar para participar no gran pasarrúas e onde tamén terás a oportunidade de maquillarte cunha estética de medo.  Xa ás 19:00h. dará comezo nesa mesma praza a Noite de Ánimas, coa animación a cargo de Hípica Celta que consistirá nun pasarrúas que se iniciará no cruce de Praza de Cima de Vila percorrerá a avenida Xosé Solla para rematar en Talo Río. A Santa Compaña e o seu séquito guiarannos neste percorrido que será moi participativo, dende o concello convidar aos asistentes á que porten cirios, velas, cabazas talladas alumeadas, e que todas e todos vaian coa vestimenta propia para a ocasión... Trátase dunha cita para todas as idades. 

Coa chegada deste pasarrúas a Talo Río continuará a festa neste punto a partir das 20:30 co tren asador de castañas con degustación de balde. Ademais este ano haberá petiscos de Samaín, a prezos populares, a cargo da Asociación de Empresarias/os de Arcade e Soutomaior. 

En Talo Río tamén haberá sitio para ambientación interactiva ENTREOSMUNDOS, un espazo onde entrarás no mundo das tradicións dunha época do ano na que celebramos a colleita, comemos castañas, bailamos e tocamos arredor da fogueira... As personaxes que estarán presentes neste ENTREOSMUNDOS, farannos partícipes tamén doutras experiencias nas que non faltarán os conxuros, meigallos e  moitas sorpresas. Para esta actividade dende o concello animan á que os e as asistentes leven a súa cabaza da casa. 

E nesta festa non faltará a música, cuns especialistas en poñer a bailar a todos os asistentes. Será “A DUEDEDENTA” que animará a velada ata o fin de festa o xoves 31 de outubro. 

cartaz samaín
cartaz samaín

Xa na xornada do sábado 2 de novembro aterrará no Multiúsos de Arcade o Escape  Room Especial Samaín. Alén da Morte! Unha trepidante historia que acontece transitando por un camiño que conduce ao Alén, cheo de retos nos que terán que decidir o futuro das ánimas e incluso devolvelas á vida. Haberá 2 salas para este escape room unha para nenas e nenos de 3 a 7 anos e outra para nenas e nenos a partir de 8 anos. Con todo serán un total de 5 pases en cada sala (17:00, 17:30, 18:00, 18:30 e 19:00). Para este escape room precísase inscrición previa. 

O sábado, 2 de novembro, tamén aterrará no Multiúsos, a partir das 20:00 h.,  o Maratón de Cinema de Terror, coa proxección de Biltelchús, El Exorcista e IT e con flocos de millo de balde nos descansos de cada película. 

Xa na xornada do domingo 3 de novembro chegarán a Finca Cafexo – Massó acollerá os contos polo samaín ‘O medo ponse no medio’ con Celso Fernández Sanmartín ‘Celsiño’. Contos e historias de medo abertas en diálogo para que quen asista poida, como sempre se fixo, contar os seus medos nun ambiente  estimulante e de confianza cun lume aceso a pe de chan. Unha cita destinada a público adulto, para maiores de 14 anos, que será de balde e que contará con 2 pases un ás 16:30h e o outro ás 19:00h. Para esta contada tamén se precisa inscrición previa. 

Todas as actividades que precisa inscrición previa as e os interesados deberán de inscribirse en liña dende este venres, 18 de outubro, ás 10:00 h. en https://www.gabinetesoutomaior.com/

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo anima a todo o mundo a participar neste data tan nosa, “trátase dunha celebración tradicional, agardo que as veciñas e veciños se animen a vivir esta tarde-noite máxica, misteriosa e apaixoante que lles temos preparados dende o concello”. 

Soutomaior prepárase para celebrar por todo o alto o seu Samaín