‘Conversas do primeiro andar’, o programa municipal que xunta música, libros e viño no Mercado
Pontevedra, 15 de outubro de 2024. Música, libros e viño tecen os vimbios do ciclo ‘Conversas do primeiro andar’, a nova iniciativa para dinamizar o gastro-espazo do Mercado presentada pola concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, xunto co responsable da programación, o produtor musical Marcos Rivas.
“Traballamos con actividades dinamizadoras que aporten valor engadido a un equipamento que temos no corazón da zona monumental como esta proposta de Conversas no primeiro andar”, explicou a concelleira. Para, de seguido, subliñar que son actividades “que teñen como fío condutor recordar que estamos nun mercado, un punto de venta de produto fresco e de calidade”.
“Quero felicitar a Marcos por unir literatura, música e viño, penso que dá na diana”, destacou a responsable de Promoción Económica do Concello de Pontevedra
A filosofía que guía o plan municipal de dinamización do primeiro andar do mercado “é facer deste equipamento máis cun recipiente cultural, convertelo nun espazo de conversa e proximidade”, lembrou Gulías.
O ciclo comeza o vindeiro sábado 19 de outubro e rematará o 23 de novembro. En total seis citas nas que haberá moita música, moitos libros e tempo para coñecer, catar e gozar de bos viños da terra. Unha programación lúdico-cultural de acceso libre e gratuíto.
Marcos Rivas, coñecido pola súa traxectoria como produtor musical, indicou que enfronta con ilusión “esta nova faceta da miña vida: a de combinar libros e viños” co obxectivo de que “teña continuidade”.
Unha conversa sobre Viños naturais con Adrián Guerra ás 18.30 h. e un concerto de Bernard Taylor e Roger de Flor, a partir das 20.00 horas do vindeiro sábado, levantarán o pano da programación.