INVESTÍU 75.000 EUROS DE FONDOS PROPIOS
O Concello de Soutomaior arranxa a estrada de acceso a Cortellas e reabriráa ao tráfico nos vindeiros días
Soutomaior, 15 de outubro de 2024. O Goberno de Soutomaior rematou nestes días as obras de arranxo da estrada de acceso a Cortellas desde o barrio do Val-Sobral. Unha actuación na que o Goberno local investiu 75.000 euros de fondos propios, despois de que unha parte importante do talude natural que soporta a estrada colapsase froito dunha escorredura de terras producida polas riadas. Esta situación, ocorrida en novembro de 2023, obrigou ao goberno local a cortar o tráfico para garantir a seguridade da veciñanza.
Os traballos realizados na zona consistiron na construción dun muro de dique de 14 metros de lonxitude, 5,5 metros de altura máxima e 1,2 metros de ancho que estabilizará o talude natural. Agora, a falta de rematar cos últimos trámites administrativos propios deste tipo de actuacións, o goberno municipal agarda reabrir o tráfico nos vindeiros días.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Obras, Pablo Garrido, achegáronse a pasada semana ata o lugar do colapso para supervisar os avances das obras. O rexedor celebrou hoxe o remate das mesmas e sinalou que “desde o momento en que se produciu a escorredura puxémonos a traballar para atopar a mellor solución que garantise a reapertura da estrada e a seguridade da veciñanza que circula por ela”.
“Agora, menos dun ano despois de que tivese lugar o sinistro, estamos a días de que Cortellas volva á normalidade”, indicou o alcalde, quen tamén sinalou que “as trabas técnicas administrativas tiveron paralizado o proxecto durante máis meses do que nos tería gustado, pero o fundamental era asegurarnos que se desenvolvese a actuación máis axeitada para unha incidencia destas características”.
Manu Lourenzo sinalou que “para nós era fundamental arranxar esta estrada de acceso a un dos barrios do rural de Soutomaior, xa que para os seus veciños e veciñas é unha estrada de uso diario que lles permite achegarse ao centro da parroquia”. Neste sentido, agradeceu o traballo levado a cabo polo equipo de goberno e polas funcionarias municipais para poder levar a cabo este importante investimento de 75.000 euros menos dun ano despois de que tivese lugar o colapso do talude natural da estrada de Cortellas.