Pontevedra volverá ser en 2026 a sede da gran final das series mundiais de triatlón

Miguel Fdes Lores na presentación da candidatura de Pontevedra como sede mundiais triatlón para 2026
Miguel Fdes Lores na presentación da candidatura de Pontevedra como sede mundiais triatlón para 2026
Pontevedra volverá ser en 2026 a sede da gran final das series mundiais de triatlón

Pontevedra, 17 de outubro de 2024. Pontevedra volverá ser a capital mundial do triatlón. Se ben a intención inicial era que no ano 2027 volvese a candidatarse para ser sede da Gran Final das Series Mundiais, Pontevedra adiantou a súa candidatura para o 2026, por consello das distintas federacións de triatletas.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, unha vez coñecida a elección por unanimidade da cidade como sede da final das series mundiais de triatlón manifestou que “Pontevedra non pode estar máis orgullosa de acoller por segunda vez esta final. Quero agradecerlle a World Triathlon e a todas as federacións internacionais que a conforman o meu agradecemento e a súa confianza na cidade para a acoller esta cita. Tentaremos facer a mellor Gran Final posíbel".

O rexedor da cidade lembrou que a cidade tiña máis posibilidade de ver chegar a bo porto a súa candidatura para o ano 2026 —en principio a aposta era 2027—, e semella hoxe a decisión correcta. "É un auténtico fito para a cidade contar con esta capacidade organizativa e de resposta", explicou. "Todo isto é posíbel grazas a unha equipa na área de Deportes espectacular, grazas a unha veciñanza que vive o deporte, e, ademais, grazas a un voluntariado exemplar, que permite facer unha cita que sobrepasa o meramente deportivo; apostando por un modelo sostible e pioneiro, respectuoso co medio ambiente".

O alcalde lembrou que Pontevedra se atopa nun intre histórico de enorme relevancia, ademais de sinalar que este podería ser o mellor mandato que recorda non só deportivo (Mundial de Loita U20, Europeo de Ciclocross, Multisport 2025, Gran Final das Series Mundiais), senón tamén no cultural, con dúas edicións dos Premios Feroz por chegar.

"Este tipo de grandes eventos internacionais, coma tamén o é o Multisport do 2025, son posíbeis grazas a un modelo de cidade pensado para as persoas, recoñecido internacionalmente. Cómpre lembrar a aposta de Pontevedra polo deporte como un motor non só para a saúde e o benestar, senón tamén como un revulsivo para a economía local e mesmo de toda a comarca", afirmou Lores

Segundo o previsto, a Gran Final desenvolverase a finais de setembro e principios de outubro do 2026. O alcalde lembrou que o ano que vén, no 2025, Pontevedra xa vivirá outro fito histórico ao acoller por segunda vez o Multisport. 

“As federacións saben que Pontevedra responde, que a cidade se volca de arriba a abaixo con estes eventos deportivos. Somos unha referencia na organización destas probas e na capacidade para ofrecer toda unha programación paralela de ocio e cultura”, explicou o rexedor.

As Series Mundiais do 2026 incluirán algunha novidade respecto ao 2023, como a chegada de preto de 1.500 triatletas a maiores, debido á incorporación de novas probas como o triatlón supersprint e triatlón de relevos mixtos. 

Pontevedra volverá ser en 2026 a sede da gran final das series mundiais de triatlón