Máis de 150 docentes de toda Galicia reflexionarán en Pontevedra até que punto a situación da diversidade sexual e de xénero é unha materia pendente nas aulas
Pontevedra, 15 de outubro de 2024. Máis de 150 docentes participarán no VI Encontro de Formación Pinto e Maragota que se vai desenvolver no Teatro Principal o vindeiro sábado 19 de outubro, co título A diversidade nas aulas, materia pendente? Unha xornada adicada ao estudo e reflexión, e que rematará coa análise e humor do escritor e activista LGTBI, Roberto Enríquez-Bob Pop, creador e guionista da serie Maricón perdido.
A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, dará a coñecer, no acto de inauguración do foro, os primeiros datos da enquisa sobre diversidade de sexo e xénero que se acaba de realizar entre o alumnado e profesorado de Secundaria - ESO; Bacharelato e Formación Profesional- de Pontevedra co fin de ter unha panorámica actualizada sobre a diversidade nos centros educativos e para axudar a reflexionar sobre a realidade da mocidade pontevedresa en relación ao colectivo LGTBIQA+. Á enquisa, anónima e voluntaria, responderon 961 estudantado e profesorado dos centros públicos do concello.
É a segunda sondaxe que se fai abeiro do programa municipal pola diversidade sexual Pinto e Maragota que promove a Concellería de Igualdade, co fin de ter unha panorámica actualizada sobre a diversidade nas aulas e para axudar a reflexionar sobre a realidade da mocidade pontevedresa en relación ao colectivo LGTBIQA+.
A xornada de traballo é un encontro pioneiro no relativo a formación do profesorado en materia de diversidade. Nela están inscritos docentes de Secundaria e Primaria galegos e, por vez primeira vez da man da Universidade de Vigo, futuros ensinantes.
As expertas e expertos porán enriba da mesa temáticas como a saúde mental do alumnado, o bullying diverso-fóbico, a realidade non binaria, as redes sociais e a diversidade no deporte. Os relatorios e debates serán os seguintes: Os perigos da educación sexual coa psicóloga e sexóloga Martina González Veiga, As persoas refuxiadas LGTBIQA+ en Galicia co refuxiado Roman Efrenov; O universo Heartstopper en galego coa escritore Nee Barros; As cores da vida: corpos, identidades e orientacións sexuais con María Victoria Carrera; O teatro, propostas didácticas para a diversidade co dramaturgo Alfonso Becerra e Fútbol e diversidade, coa xornalista e adestradora Patricia Campos Doménech, que fai o seguimento da selección feminina de fútbol.
Haberá tamén unha palestra de experiencias nas aulas galegas na que se dará a coñecer os traballos: Diverxentes, do CEIP Plurilingüe San Roque de Darbo (Cangas) e Libres e diversxs do CIP de Zas.