Manuel Fariña: "O escenario do río nas Festas de verán en Caldas instalouse con toda a seguridade”

Manuel Fariña
Manuel Fariña
Manuel Fariña: "O escenario do río nas Festas de verán en Caldas instalouse con toda a seguridade”

Caldas, 25 de novembro de 2024. O tenente de alcalde de Caldas de Reis, Manuel Fariña, garantiu que o escenario do río utilizado nas Festas de Verán instalouse “con toda a seguridade”. Así o indicou de maneira tallante despois do expediente aberto por Augas de Galicia e das acusacións vertidas nos últimos días polo PP caldense poñendo en dúbida a existencia de medidas suficientes para “evitar riadas e danos”. 

O concelleiro de Festas destaca que os populares de Caldas deberían avergoñarse de facer “demagoxia indigna” ao mencionar os efectos catastróficos da DINA de Valencia e alarmar a poboación caldense dando a entender que a presenza do escenario no leito do río durante os días das festas podería poñer en risco a vida de persoas. 

Subliña Fariña que a colocación do escenario foi realizada por empresas de primeiro nivel nunha localización estratéxica e estudada por parte do persoal técnico, extremando o coidado co leito do río, e tendo en conta que o nivel da auga –en pleno mes de agosto- é sempre moi baixo. “A programación desenvolveuse sen incidentes, de maneira moito máis segura que como se facía anteriormente cun palco de estacas”, defendeu o concelleiro, que engadiu tamén que houbo vixilancia por parte dunha empresa privada. 

Manuel Fariña insiste en que negociará ata a extenuación para conseguir os permisos do palco, pero advirte de que sempre defenderá os intereses da veciñanza “cando lle fagan elixir entre estar coa xente ou estar coa Xunta”

Insiste o tenente de alcalde en que unha das prioridades do goberno municipal de Caldas é a aposta polo río Umia, que considera moi necesitado de grandes investimentos para a súa mellora ambiental e posta en valor, “algo que nunca chega dende a Xunta”. É por iso que para Fariña resulta “sorprendente e moi clarificador” que o PP de Caldas, lonxe de reclamar todas as necesidades existentes, “defenda as mínimas actuacións de Augas de Galiza e as considere suficientes ademais de poñerse do seu lado nun expediente e unha posible multa que, ao noso entender, non ten ningunha base lóxica”. 

Sostén o responsable nacionalista que o Concello de Caldas busca o mellor para o pobo caldense dentro da normativa. Confirma que, de cara ás próximas festas, volverá a negociar ata a extenuación para conseguir os permisos do palco atendendo todos os criterios técnicos que se requiran, mais advirte de que “sempre” defenderá os intereses da veciñanza “cando lle fagan elixir entre estar coa xente ou estar coa Xunta”. 

Fariña insistiu en que no caso do palco instalado este ano o Concello presentou a solicitude de autorización o 4 de abril e que dende entón houbo intercambios de requirimentos e contestacións entre a administración local e o departamento de augas. O goberno local incluso presentou un recurso de alzada con argumentacións baseadas na normativa que a día de hoxe non foi nin contestado. 

“Foi totalmente imposible conseguir o visto bo de Augas de Galiza”, subliña o tenente de alcalde. “O PP sabe que a xente quere o escenario no río e di que hai que instalalo con autorización coma sempre se fixo. Nós tamén queremos facelo así. Pero este ano o Concello xestionou o permiso con máis garantías que nunca e quedou en situación de indefensión total porque na realidade nos rexeitaron todo por cuestións políticas alegando cuestións técnicas que en ningún momento nos pediran en todo o proceso. Nós entregamos todo o que nos solicitaron, pero o que non pode ser que a única resposta fora que o escenario do río tiña que estar fóra do río”, apunta. 

Para Fariña, en medio de toda esta polémica o portavoz do PP local está a amosar unha actitude “hipócrita e falsa coa xente de Caldas”, “porque non se pode estar na misa e repicando: Pérez non pode dicir que quere o escenario no río e defender a forma de proceder que tivo con nós o seu partido na Xunta. A iso de toda a vida chámaselle querer quedar ben: nadar e gardar a roupa”. 

Manuel Fariña: "O escenario do río nas Festas de verán en Caldas instalouse con toda a seguridade”