O pleno de Soutomaior aproba o orzamento máis alto da súa historia, con máis de 5,6 millóns de euros
Soutomaior, 22 de novembro de 2024. O pleno de Soutomaior aprobou hoxe o orzamento municipal inicial máis alto da historia do noso concello, con 5,67 millóns de euros, cos votos a favor do Goberno de Soutomaior e co voto en contra do PP. O orzamento é un 20% máis alto que o último presentado polo anterior equipo de Goberno en 2023, cando as contas muncipais eran de 4,8 millóns de euros. Ademais, tras moitísimos anos con orzamentos aprobados fora de prazo (a veces mesmo en abril ou maio), Soutomaior contará por fin con crédito para poder levar a cabo investimentos desde o 1 de xaneiro de 2025, despois de que o actual Goberno de Soutomaior presentase o orzamento en tempo e forma.
Na súa intervención, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “estes orzamentos son históricos, ademais de pola súa cantidade, tanto pola forma como polo seu contido. Na forma por estar presentados respectando os prazos marcados pola lei, e no contido porque incuestionablemente os datos demostran que son os orzamentos máis sociais da historia de Soutomaior, cun incremento do 20% nas partidas destinadas á promoción e protección social”.
O rexedor tamén destacou que o Orzamento25’ recolle a importante aposta do Goberno de Soutomaior polo desenvolvemento económico de Soutomaior. “Ademais das partidas destinadas especificamente á promoción e desenvolvemento da economía local de Soutomaior, o Orzamento25’ consolida a axenda de actividades máis ambiciosa de toda a comarca, o que converte o noso concello nun referente no ámbito da captación de visitantes e fomento do consumo na hostelería, restauración e comercio local de Soutomaior”.
Por outra parte, Manu Lourenzo subliñou Soutomaior incrementa novamente as partidas destinadas a investimentos, que ascenderán a preto de 400.000 euros de fondos propios. Estes fondos,sumados á captación de fondos doutras institucións, implicará que o Goberno de Soutomaior investirá en 2025 como mínimo un millón e medio de euros en actuacións e obras. Compre lembrar que só en 2024 o Goberno de Soutomaior conseguiu case 2 millóns de euros en subvencións.
“Hoxe Soutomaior é un concello saneado, cuns datos de tesourería próximos aos 2 millóns de euros e no que se realizaron investimentos en 2024 por valor de máis dun millóns de euros, máis ca nunca na historia do noso concello a estas alturas do mandato”, engadiu o alcalde, quen tamén sinalou que por segundo ano consecutivo o orzamento conxela as taxas e impostos municipais, agás aqueles que son un imperativo legal, como é o caso do lixo.
Manu Lourenzo tamén anunciou que “o Orzamento25’ chega despois de que neste ano e 5 meses o Goberno non tivese nin un só reparo nas facturas, fronte aos 40 ou 50 que tiña cada ano o anterior equipo de goberno”. Un reparo é unha advertencia de intervención e de secretaría nas que se incide que unha determinada xestión ou factura non compren cos trámites legais necesarios.
"Hai cousas que son matemáticas, e estes orzamentos son claramente unha boa nova para Soutomaior, cun incremento e mellora en todas as partidas sen excepción", concluíu Manu Lourenzo.