Unha aposta pola transición ecolóxica e por unha cidade máis verde, puntos fundamentais do anteproxecto de orzamentos para 2025 en Pontevedra
Pontevedra, 22 de novembro de 2024. O anteproxecto de orzamentos do Concello de Pontevedra para o ano 2025, “van significar un salto adiante na transición ecolóxica do noso municipio, así como da súa promoción”, afirmou o concelleiro de Facenda, Raimundo González.
En cifras, os novos orzamentos acadarían os 98,130 millóns de euros, os máis cuantiosos do Concello de Pontevedra na súa historia, supoñendo unha subida do 3,6 % respecto aos orzamentos do ano 2024. Trátase dun fito salientábel, máis aínda se se ten en conta que non houbo un incremento nas taxas, permanecendo conxeladas desde hai xa once anos.
“Este anteproxecto de orzamento é unha aposta clara pola transición ecolóxica, manifestándose na redución da pegada de carbono e na loita contra o cambio climático; en definitiva, unha aposta por unha cidade máis verde”, explicou González. “Queremos anticiparnos aos grandes retos que temos por diante, ao tempo que non esquecemos a promoción da cidade con eventos coma os Premios Feroz”.
O edil de Facenda sinalou que a partir de agora, desde o Goberno Municipal, levaranse a cabo conversas coa oposición, “fundamentalmente co socio prioritario, o PSOE”, sen desaproveitar “a man tendida que nos fixo o Partido Popular e o seu voceiro”. “Queremos o mellor para Pontevedra e queremos que esta cidade conte cuns orzamentos para o ano que vén», finalizou.