Aprobado o inicio da licitación do proxecto de mellora e renovación da iluminación pública na parroquia de Lérez

Miguel Fdez. Lores
Miguel Fdez. Lores
Aprobado o inicio da licitación do proxecto de mellora e renovación da iluminación pública na parroquia de Lérez

Pontevedra, 22 de novembro de 2024. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, deu conta esta mañá da Xunta de Goberno Local extraordinaria este venres, a primeira hora, que tivo como principal obxectivo a aprobación do inicio de licitación do proxecto de renovación da iluminación pública na parroquia de Lérez. 

“Iniciase o camiño deste proxecto, que conta cun orzamento de 1.396.000 euros, incluído dentro dos convenios coa Deputación deste 2024”, sinalou. “O prazo de execución é de 9 meses e serán renovadas todas as luminarias existentes da zona, así como a creación dalgúns puntos novos ou a mellora da seguridade viaria nos pasos de peóns”. 

O ámbito de actuación comprende as distintas zonas que van desde o Castelo ao Burgo, Fontaíña e Couso; Médico Ballina e Juan Bautista Andrade até Juan Manuel Pintos e Domingo Fontán, praza de Pasarón, Rafael Areses e Alexandre Bóveda; ademais do campus ou a Xunqueira da Gándara. 

En total, mudaranse 1.397 luminarias e 29 cadros de mando, o que permitirá pasar un consumo actual de 784.022kWh/ano a un de 295.309 kWh/ano, o que suporá un aforro próximo ao 62 %, ademais de evitar a emisión de 254,62 tCO2/ano; unha redución considerábel da pegada de carbono. 

Ao longo dos últimos anos, o Concello de Pontevedra mantivo unha aposta clara pola mellora da iluminación pública en todos os puntos do municipio, facendo actuacións de mellora en todas as parroquias, no polígono industrial, a avenida de Marín e PO-11, nos accesos á cidade, o barrio de Monte Porreiro, a zona centro ou a zona sur, entre outros puntos, sumando máis de 13.000 luminarias, cun investimento próximo aos 9 millóns de euros. Cos novos investimentos previsto serían máis de 10,5 millóns de euros. 

Cómpre sinalar que nesta escolma non están contabilizadas as urbanizacións da ONCE, a variante de Montecelo, a rolda leste, o acceso aos Campos, ou a reurbanizacións como Loureiro Crespo e o Castañal; actuacións coas que se superarían ampliamente as 15.000 luminarias renovadas. Restaría por mudar parte das parroquias de Tomeza e Salcedo, parte do centro (zona norte) e o centro histórico (unhas 5.000 luminarias). 

O rexedor fai fincapé na importancia de levar a cabo este tipo de medidas para mellorar a eficiencia enerxética, reducindo a emisión de CO2, mellorando a iluminación nos espazos peonís, aumentar a seguridade cidadá e a seguridade viaria, eliminar a luz intrusa nas vivendas, reducir a contaminación lumínica e apostar por axustar os nosos ciclos vitais aos ritmos circadianos. 

Aprobado o inicio da licitación do proxecto de mellora e renovación da iluminación pública na parroquia de Lérez