Unha instalación artística na praza da Audiencia lembrará as vítimas da violencia machista e interpelará a todas e todos: "Non mires cara a outro lado. SON ASASINATOS"
Pontevedra, 22 de novembro de 2024. Lembranza, rexeitamento, xustiza; son as claves que guían a instalación artística 25-N que será inaugurada o vindeiro luns, ás 11.00 horas, na praza da Audiencia de Pontevedra, co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
Lembranza de todas e cada unha das vítimas asasinadas pola violencia machista e vicaria na provincia de Pontevedra desde que hai datos oficiais: 30 mulleres e 2 crianzas desde o ano 2003 até hoxe. Un rexeitamento claro contra unha violencia exercida contra as mulleres polo feito de selo. E reivindicación de xustiza para as vítimas, ás portas da sede na que terán que responder os asasinos.
No chan da praza instalaranse 32 círculos conmemorativos: 30 negros, coas iniciais e idades das mulleres asasinadas —que van dos 25 aos 82 anos— e 2 brancos, coas iniciais dos dous irmáns vítimas da violencia vicaria, de 9 e 4 anos.
O obra inclúe tamén un círculo máis grande cun texto explicativo que remata cunha mensaxe que interpela a todas e todos: Non mires cara a outro lado. SON ASASINATOS. Complétase con outros dous cun 25-N e o logo do Concello de Pontevedra.
A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, colocará os dous últimos círculos no momento da inauguración, lembrando as dúas últimas mulleres asasinadas na provincia: a veciña de Pontevedra, Fadua A. de 41 anos (en outubro) e Estela B.S, de 36 (este novembro).
A programación municipal arredor do 25-N terá como colofón unha charla-coloquio coa xornalista e escritora Cristina Fallarás, que traballa desde hai anos na recollida de testemuños de mulleres que sufriron violencia machista para que non caian no esquecemento, e a ex concelleira de Igualdade e mestra, Carme Fouces, impulsora da campaña #PrimAcoso do Concello de Pontevedra. Será o 17 de decembro, no Teatro Principal.
Ademais neste foro vaise proxectar o videoclip coa canción Memoria das mulleres realizado por alumnado de varios institutos da cidade, ao abeiro do programa municipal Memoria de elefanta que une mocidade e memoria.
Son muller, son Diana, é o lema da campaña do 25-N do Concello de Pontevedra, que reivindica «a necesidade de poñer no centro da axenda política, da axenda pública que nos seguen matando por ser mulleres», en palabras da concelleira de Igualdade.