Contra os feminicidios, máis servizos públicos

Contra os feminicidios, máis servizos públicos

No que vai de 2024 vivimos 4 feminicidios en Galiza. Son a punta do iceberg dun terrorismo machista que no ano 2023 deixou máis de 1400 ordes de afastamento, 7795 casos activos en Viogén ou máis de 900 delitos contra a liberdade sexual, o maior número e o maior aumento de toda a serie histórica. Detrás das cifras hai vidas estragadas pola vitalidade dunha violencia machista que segue a ser o problema máis importante da vida das mulleres e que debe protagonizar a axenda política e social. 

Reivindicamos que esta data non se converta nunha simple efeméride na que as institucións fan un lavado de cara lila no lugar de cuestionarse como avanzar. Urxe insistir en que a violencia machista non é un problema individual nin homologable a outras violencias, é consecuencia dun sistema de dominación social contra as mulleres, o patriarcado. Tamén, reivindicar que hai unha responsabilidade colectiva, da sociedade e das institucións, que deben impulsar recursos e medidas para protexer a vida das mulleres e erradicar o machismo. 

Esta loita debe ser unha prioridade traducida en propostas concretas para avanzar. Por iso, é inaceptable que dezasete anos despois da aprobación da Lei 11/2007 a Xunta do PP siga sen desenvolver medidas vitais como garantir a atención psicolóxica integral en Primaria ou que non aumente o apoio económico aos Centros de Información á Muller para incrementar persoal. É inaceptable que a Xunta elimine a optativa de Igualdade no ensino ou que privatice os futuros centros de crise 24h para a atención de vítimas de violencia sexual. 

A violencia machista non é un negocio. Non podemos permitir que usen máis de 7M€ públicos para privatizar unha atención que debe prestarse nos servizos sociais e sanitarios públicos. Facer negocio coa violencia machista para beneficiar as multinacionais Eulen e OHL, afíns ao Partido Popular é unha decisión intolerable que vai precarizar a atención ás vítimas. 

 

Neste 25N berramos alto e claro: 

A violencia machista non é un negocio!
Contra os feminicidios, máis recursos e máis servizos públicos. 

Contra os feminicidios, máis servizos públicos