Caldas repartirá 2.000 euros en premios no seu primeiro concurso de curtametraxes ‘Un idioma de cine’

Caldas repartirá 2.000 euros en premios no seu primeiro concurso de curtametraxes ‘Un idioma de cine’

Caldas, 21 de novembro de 2024. O Concello de Caldas vai repartir 2.000 euros en premios no seu primeiro concurso de curtametraxes ‘Un idioma de cine’. Segundo explica o tenente de alcalde e responsable da Concellería de Cultura, Manuel Fariña, o galardón créase para recompensar a implicación da rapazada caldense nos obradoiros e charlas realizadas o pasado mes de outubro co fin de proxectar o talento no audiovisual e, á vez, promover o uso do galego.

A proposta xurdiu dentro da Programación de Normalización Linguística municipal para a rapazada de 4 da ESO do IES Aquis Celenis, CPR San Fermín e CPI Alfonso VII nunhas clases nas que mozos e mozas aprenderon como gravar as súas propias curtas: como debe ser o proceso creativo, a redacción do guión, a técnica de rodaxe e a gravación, a montaxe, e a postprodución das pezas audiovisuais.

Visto o interese e implicación, e aproveitando que con este tipo de actividades se aumenta a formación da rapazada e se potencia o interese pola lingua, a Concellería de Educación decidiu poñer en marcha o certame-concurso para potenciar a creatividade premiar os traballos máis talentosos.

O concurso será aberto e poderán participar mozas e mozos de ata 30 anos residentes nalgún dos 313 concellos galegos. As curtas presentadas poderán estar gravadas con calquera dispositivo, deben ter unha duración máxima de entre 5 e 10 minutos e de temática relacionada co outono, podendo ser tanto de acción como de animación.

O prazo de inscrición rematará o 10 de decembro de 2024. A participación debe comunicarse a través do rexistro do Concello de Caldas de Reis, preferentemente a través da sede electrónica. 

O primeiro premio será de 700€, o segundo de 500€, o terceiro de 300€ e tamén haberá un galardón outorgado polo público á curta máis votada, que suporá ingresar 500€. Para poder ver as curtas presentadas a concurso as concellerías de Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Caldas de Reis organizarán unha exhibición, cuxa data será publicada no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de Caldas de Reis e difundida nas redes sociais de @encaldasme. Ao remate da exhibición o público emitirá o seu veredicto depositando o seu voto nunha urna disposta a tal fin. 

Caldas repartirá 2.000 euros en premios no seu primeiro concurso de curtametraxes ‘Un idioma de cine’