O CONCELLO ENTREGARA TODA A DOCUMENTACIÓN REQUIRIDA
Manuel Fariña insta a Augas de Galiza a rexenerar o río Umia e non só a lembrarse del para multar ao Concello de Caldas polo escenario acuático
Caldas, 19 de novembro de 2024. O tenente de alcalde de Caldas de Reis, Manuel Fariña, instou á Xunta a rexenerar dunha vez o río Umia e non só a lembrarse del para multar ao Concello de Caldas pola instalación dun escenario acuático para as actuacións das festas de verán que permitiu disfrutar á veciñanza e visitantes do mellor auditorio ao aire libre do mundo.
O nacionalista lamenta que o PP e a Xunta só recorden o río para facer promesas nas campañas electorais e para facer oposición contra o goberno bipartito de Caldas de Reis, neste caso, por unha instalación que tiña como obxectivo “facer do Umia o centro da actividade cultural e un eixo dinamización da vila” grazas aos concertos de música da programación festiva.
Fariña destaca que o BNG leva anos pedindo ao goberno galego sen éxito algún un plan de recuperación e rexeneración integral do río con catro puntos fundamentais: a recuperación da calidade das augas e a saúde pública, a rexeneración ecolóxica de leito e ribeiras, a rexeneración de zonas urbanas, así como un plan de dinamización e aproveitamento social, económico, turístico e de ocio que permita tirar rendemento a todas as súas potencialidades.
“Todo isto non existe. A Xunta fai oídos xordos ás necesidades do río e de Caldas de maneira reiterada, mais polo que vemos, abre expediente coa máxima celeridade para o que lle interesa: din que fixeron unha inspección ‘aleatoria’ xusto o día no que estaba instalado o escenario”, cuestiona o nacionalista.
Fariña destaca que o Concello comezou a tramitación da autorización para a instalación do escenario o 4 de abril, catro meses antes das festas, entregando dous meses despois máis documentación requirida polo departamento autonómico, incluso unha declaración responsable sobre a instalación. A maiores, presentáronse argumentacións do persoal técnico municipal para conseguir o permiso nun recurso de alzada que, a día de hoxe, explica o tenente de alcalde, segue sen contestación por parte de Augas de Galiza.
“O Concello fixo a tramitación como correspondía, e viamos que as contestacións que nos daban, máis que técnicas, eran froito dunha decisión política. Agora, ao ver a maneira de proceder, filtrando aos medios a información sobre o expediente e a multa antes de remitírnola a nós, queda ben claro que só hai interese por confrontar”, salienta Fariña criticando as formas do departamento autonómico.
Nos escritos que se remitiron á Xunta, de feito, o Concello sostiña que estaba nunha situación de “indefensión” e que incluso se vulneraban “as garantías constitucionais”, xa que “as motivacións que serven de base á resolución –á negativa ao permiso para o escenario- non foron postas de manifesto a esta Administración nin a través de requirimentos nin a través do trámite de audiencia concedido”.
Dende o concello caldense sosteñen que o escenario do río é unha estrutura sen suficiente entidade técnica para ser considerada unha edificación ou construción. Engaden ademais que é equivalente a calquera instalación temporal, sen vocación de permanencia, como os embarcadoiros ou as plataformas deportivas que se instalan para competicións. Non autorizar iso, subliñan os técnicos municipais, sería levar “a unha prohibición absoluta calquera instalación dentro do dominio público hidráulico”.
En calquera caso, o responsable municipal chama ao consenso para que Caldas poida seguir gozando do seu escenario acuático durante as festas, que considera un “símbolo para todas as veciñas e veciños”, cumprindo todos os aspectos da normativa. “ ́Se dúas institucións queren o mellor para unha vila, falan, corrixen o que teñen que corrixir e chegan a acordos. Do contrario esas administracións quedan retratadas. Nós contestamos todas as solicitudes de información que nos fixo Augas de Galiza”, afirma o tenente de alcalde.