Concello de Pontevedra e Deputación asinan os convenios de colaboración para as reformas das rúas Rosalía de Castro e 12 de novembro

Concello de Pontevedra e Deputación asinan os convenios de colaboración para as reformas das rúas Rosalía de Castro e 12 de novembro

Pontevedra, 19 de novembro de 2024. O martes, 19 de novembro, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López Lugués, asinaron dous convenios de colaboración para as reformas das rúas Rosalía de Castro e 12 de novembro. Alcalde e presidente compareceron nunha rolda de prensa conxunta, valorando de xeito positivo esta colaboración que permitirá mellorar a vida dos pontevedreses e das pontevedresas, a través de dúas obras que mellorarán o espazo público da cidade en dous puntos distintos da mesma. 

Fernández Lores quixo facerlle público o seu agradecemento á Deputación de Pontevedra á hora de manter os compromisos realizados no pasado mandato, amosando “boa vontade para posibilitar estas obras e estas melloras do espazo público”. “Hai xa nove anos e medios municipios de Pontevedra chegaron a un acordo coa Deputación de Pontevedra, tendo a disposición de partidas definidas para poder escoller proxectos nos que investir fondos da administración provincial”. 

O rexedor da cidade do Lérez lembrou que ese novo tipo de funcionamento e relación de financiamento mudou as relacións entre Concellos e Deputación, subliñando a idea de que son os “Concellos os que deben decidir o futuro das súas cidades e territorios”. “Estes dous proxectos son realmente importantes porque permiten, dunha banda, conectar a estrada Vella de Marín coa chamada autovía de Marín, ademais de mellorar a calidade urbana de toda a rúa Rosalía de Castro; e, doutra banda, xerar unha nova zona de estancia e esparexemento na rúa 12 de novembro, como continuación do que a xente chama a Pasarela”. 

O alcalde destacou que desde o Concello de Pontevedra sempre se afonda e afondará na colaboración institucional entre todos os axentes da administración pública, lembrando, ademais, outras colaboracións entre o Concello e a Deputación, como as realizadas en probas deportivas de enorme relevancia coma as citas internacionais de triatlón, o pasado campionato de Europa de ciclocrós ou a celebración dos Premios Feroz nos vindeiros anos 2025 e 2026. 

Concello de Pontevedra e Deputación asinan os convenios de colaboración para as reformas das rúas Rosalía de Castro e 12 de novembro