A fachada da Casa Consistorial loce unha gran diana e o lema da campaña do 25-N: Son muller, son Diana: a quen teñen que apuntar para que che importe?
Pontevedra, 19 de novembro de 2024. A fachada da Casa Consistorial loce unha unha gran diana, flanqueada polo lema da campaña municipal do 25-N: Son muller, son Diana, a quen teñen que apuntar para que che importe? Ao despregamento acudiron o alcalde Miguel Fernández Lores e a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, xunto cos voceiros dos grupos municipais: Eva Villaverde (BNG) e Iván Puentes (PSOE), e un amplo abano de concelleiros dos tres grupos con representación municipal.
Si hai uns días a concelleira Gulias subliñaba “a necesidade de reivindicar, de poñer no centro da axenda política, da axenda pública que nos seguen matando por ser mulleres”, hoxe o alcalde Fernández Lores reivindicou que “temos que estar todas e todos unidos á hora de acabar coa lacra da violencia machista”, que deixa un regueiro “absolutamente inadmisible de asasinatos de mulleres pola violencia machista”. Fixo estas declaracións diante da gran diana que simboliza a campaña municipal do 25-N, que cualificou de “impactante”.
Vintecatro horas despois da lectura do manifesto do 25-N no Pleno municipal, Fernández Lores lembraba as claves do documento xestado polo Colexio de Psicoloxía de Galiza para axudar e apoiar ás vítimas e camiñar cara a erradicación da violencia de xénero, no que se fai fincapé “na necesidade e derivar todas a atención psicolóxica e sanitaria das vítimas do machismo ao sistema público de saúde”.
O manifesto do 25-N reivindica medidas como: o acceso universal á atención psicolóxica especializada, a formación e sensibilización continua tanto para profesionais da saúde como para as forzas de seguridade e servizos sociais; recursos económicos e profesionais estables e suficientes e maior coordinación e coñecemento dos recursos existentes.
“Educación, formación, recursos e unidade de toda a sociedade para dicirlle alto e claro ás mulleres que estamos con elas e que queremos acabar coa lacra da violencia machista”, resumiu o alcalde.
A campaña do 25-N do Concello de Pontevedra quere transmitir dúas mensaxes claras, explicaba na presentación da mesma a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías:
1.- Tratar a violencia machista como unha cuestión estrutural. “Non falamos do caso de catro tolos que matan as súas mulleres; é unha cuestión que ten que ver co patriarcado, coa educación, que ten que ver coas prácticas políticas, coas prácticas que todas e todos temos na esfera pública e na esfera privada... nos matan, por sermos mulleres”, explicaba
2.- Loitar contra a percepción de que os asasinatos machistas son unha efeméride máis.
“Percibimos que cada vez que asasinan a unha muller, respondemos dun xeito rutineiro: unha concentración diante das institucións, cando un feito así tiña que sacar ás persoas ás rúas para reclamar xustiza, reparación e dignidade” indico Anabel Gulías. “É un regueiro de mulleres asasinadas pola violencia machista, que leva a preguntarnos A quen teñen que apuntar para que che importe (subtítulo da campaña 25-N)”, engadía