Soutomaior remata a primeira fase do arranxo dos parques infantís municipais

Manu lourenzo e Pablo Garrido co enxeñeiro e a empresa que realizou os traballos
Manu lourenzo e Pablo Garrido co enxeñeiro e a empresa que realizou os traballos
Soutomaior remata a primeira fase do arranxo dos parques infantís municipais

Soutomaior, 18 de novembro de 2024. O alcalde, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Obras, Pablo Garrido, visitaron os parques infantís que xa foron arranxados nesta primeira fase de remodelación.

Compre sinalar que o Goberno de Soutomaior iniciou no mes de setembro os traballos da primeira fase de recuperación dos parques infantís municipais. Este proxecto levouse a cabo grazas a unha subvención de 45.000 euros conseguida polo Goberno de Soutomaior, procedente do Plan +Provincias da Deputación de Pontevedra. Nesta primeira fase actuouse nos parques infantís municipais do Peirao, da Feira, da Devesa, da Veiguiña Longa, de Aranza, de Moreira e da Lamela. 

Desde o comezo do mandato, o Goberno de Soutomaior estivo traballando nesta tarefa de recuperación dos parques infantís do concello. Así e deste xeito se levou a cabo unha exhaustiva auditoría destas zonas de xogo co obxectivo de coñecer de maneira exacta os danos que sofre cada parque e deseñar as actuacións máis axeitadas para cada un. 

Unha vez feita, o Goberno de Soutomaior preparou o proxecto co que conseguiu a subvención do Plan +Provincias de 45 mil euros. 

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que que “os dezaoito parques infantís cos que contamos no noso concello levan anos nun estado de deterioro inadmisible, polo que urxía ir actuando naquelas zonas que teñen maiores usuarios. O Goberno de Soutomaior traballa desde o comezo do mandato para levar a cabo estas actuacións no menor tempo posible. Trátase de preservar a seguridade das nenas e nenos e de mellorar as instalacións para que poidan xogar e desfrutar. Con este proxecto, o Goberno está a corrixir todas estas deficiencias. Con esta primeira fase rematada, seguiremos traballando no que será a segunda fase de recuperación dos parques infantís do concello”. 

Ademais, o Goberno de Soutomaior fomenta, a través deste proxecto de recuperación  dos parques infantís, a inclusividade nestes espazos recreativos, adaptándoos para que calquera neno ou nena, sexa cal sexa a súa diversidade funcional, poida desfrutar de maneira autónoma neles.

 

Soutomaior remata a primeira fase do arranxo dos parques infantís municipais