Os Premios Feroz farán un acto público na cidade para dar a coñecer aos nominados e nominadas desta edición
Pontevedra, 20 de novembro de 2024. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da edil de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, e a produtora executiva dos Premios Feroz, Laura Seoane; presentou esta mañá o acto de nominacións que se realizará no Teatro Principal o vindeiro 28 de novembro, ás 12.00 horas.
Por vez primeira, a cidadanía poderá asistir a este anuncio de xeito público, coñecendo de primeira man os nomes das obras e persoas nominadas que poderán alzarse con algún dos galardóns outorgados pola Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE) o vindeiro 25 de xaneiro. O acto do 28 de novembro será de balde e con entrada libre até completar o aforo do Principal. As entradas poden ser retiradas desde este xoves na caseta de Turismo da Praza do Concello.
Durante o acto serán reveladas as 11 nominacións relacionadas co cinema e as 7 coas series de televisión. A presidenta da AICE, María Guerra, conducirá a presentación, contando coa participación da actriz Clara Galle e do actor Álvaro Rico.
O rexedor da cidade quixo destacar o impacto notable que os Feroz están deixando xa na cidade, a través de toda a programación previa, que foi contando cunha importante asistencia cidadá, dando conta do éxito das proxeccións e os distintos encontros e charlas.