O traslado da Oficina de Turismo de Caldas á Rúa Real consigue bater o récord de 10.000 consultas na tempada

Manuel Fariña
Manuel Fariña
O traslado da Oficina de Turismo de Caldas á Rúa Real consigue bater o récord de 10.000 consultas na tempada

Caldas, 4 de decembro de 2024. O traslado da Oficina de Turismo de Caldas de Reis da zona da Tafona á Rúa Real deu mellores resultados que os agardados e conseguiu bater a cifra récord de 10.000 visitas na súa tempada activa entre os meses de agosto e novembro. O Tenente de Alcalde e responsable de turismo Manuel Fariña amosouse satisfeito polo positivo rendemento da instalación turística municipal e, ante o éxito acadado, anunciou que o vindeiro ano a atención ás persoas visitantes darase na mesma rúa, pero xa nunhas novas instalacións de tipo permanente. 

Sostén Fariña que a decisión de trasladar de maneira provisional a caseta informativa dende a Tafona ao centro da vila buscaba confirmar a idoneidade da nova localización, algo que quedou avalado dende o inicio tanto polo persoal técnico como polo auxe na afluencia de turistas. O acerto fixo que xa durante o verán dende a Concellería de Turismo se iniciasen os contactos para conseguir un novo local definitivo na propia Rúa Real. Estes teñen rematado con éxito e de cara ao próximo verán xa está comprometida unha nova oficina, que se personalizará e preparará co fin de dar a mellor experiencia de visita ás persoas que vaian facer calquera tipo de consulta. 

En canto aos datos, Fariña destaca que dende o mes de xullo ata novembro foron máis de 10.000 persoas as que pasaron pola oficina de información. No mes de xullo, cando aínda estaba na Tafona, apenas acudiron ao punto turístico 600 persoas, cifra que se quintuplicou nos seguintes meses: preto de 3.000 persoas en agosto e 3.500 en setembro. Os datos recollidos a continuación non deixaron de ser espectaculares, xa que o mes de outubro alcanzou case 2.000 consultas e o de novembro, as 1.000. “Estes datos non son máis que unha parte das persoas que visitan a nosa vila, xa que non todo o mundo acude a pedir información, pero son unha mostra moi significativa de que temos un grande potencial que é preciso aproveitar”, subliña o nacionalista. 

En canto ás estatísticas, Fariña salienta que as persoas visitantes de orixe estatal son a maioría das que pasan pola oficina principalmente nos meses de verán (un 88% en xullo e un 77% en agosto), mentres que a cifra vai baixando e equilibrándose dende o mes de setembro, cun 60% de estatais e un 40% de persoas estranxeiras, chegando ao 56% de internacionais en outubro e ao 44% en novembro. 

Por rexións de procedencia, destacan Madrid e Andalucía dentro do territorio español, así como Portugal, Alemania, Francia ou Italia no caso de persoas de fóra. Non deixan de ser chamativas orixes como Corea, Taiwan, Nova Zelanda, Sudáfrica, Miami, Hawai, Indonesia, Filipinas, Tobago ou Palestina como outros dos lugares de partida contabilizados ao facer as enquisas. 

Como non podía ser doutro xeito, o motivo da visita a Caldas de Reis débese fundamentalmente ao Camiño de Santiago, con porcentaxes que varían entre o 59% e o 80%, deixando tamén oco para o ocio en xeral e o termalismo, ademais do turismo de natureza. 

Na maior parte dos casos, as e os visitantes descoñecían o destino e as súas principais preguntas estaban relacionadas con información turística ou de servizos sobre Caldas -cuestións prácticas como onde comer, durmir, transportes ou localización de farmacias, entre outros- , sobre as Rías Baixas e a provincia de Pontevedra en xeral, sobre rutas de natureza e sendeirismo, ou sobre a adquisición de credenciais de peregrino, entre outras. 

Algunhas das deficiencias que apuntaron as persoas que se achegaron ata a oficina foron a localización e mala sinalización desta cando aínda estaba na Tafona, a ausencia de aloxamentos públicos amplos, ou a falta do selo de credenciais dixital, algo que xa foi solucionado. 

O traslado da Oficina de Turismo de Caldas á Rúa Real consigue bater o récord de 10.000 consultas na tempada