Soutomaior inicia o proceso de licitación para a primeira fase do plan de asfaltado en estradas municipais
Soutomaior, 5 de decembro de 2024. O Concello de Soutomaior dá un novo paso no seu plan de asfaltados en estradas municipais do Concello e ven de sacar a licitación a primeira fase desta actuación, un proxecto desenvolto por Infourban e que se levará a cabo na zona de de Ouxil, en Moreira; no barrio de Lourido; e no acceso ao campo de fútbol de Salgueirón.
As empresas interesadas en presentar ofertas poderán facelo ata o 23 de decembro. Unha vez adxudicada a obra e rematados todos os trámites administrativos, o prazo de execución dos asfaltados será de dous meses, polo que a comezos de 2025 xa será visible nas estradas mencionadas as melloras no pavimentado. Co obxectivo de levar a cabo esta actuación, o Goberno de Soutomaior levará a cabo un investimento de case 60.000 euros.
Estes asfaltados súmanse a varios que xa leva desenvolto o Goberno local desde o comezo do mandato, entre eles no barrio da Feira, nas rúas de Cochón e da Lavandeira, ou na estrada que conecta o barrio de Moreira co Viso, en Redondela. Ademais, o Goberno de Soutomaior está a aproveitar estas actuacións para levar a cabo a limpeza de cunetas e o desatascamento das tubaxes que pasan por debaixo de cada unha das estradas que se están a asfaltar, levando así a cabo un mantemento do sistema de pluviais.
O alcalde, Manu Lourenzo, sinalou que o plan de asfaltados ten por obxectivo “mellorar pouco a pouco as estradas e vías municipais que presentan un evidente estado de deterioro desde hai anos e polas que cada día circulan centos de veciños e veciñas. Trátase dunha actuación integral nos barrios de Soutomaior que se desenvolverá en varias fases, co obxectivo de ir chegando pouco a pouco a todos os puntos do concello”.
Sobre o mantemento das tubaxes do sistema de pluviais nestas estradas, o alcalde sinalou que “os traballos de asfaltado permítennos para meter man no sistema de pluviais e comezar a corrixir todas as súas eivas, producidas tras moitos anos dunha deficiente planificación e mantemento, o que ocasiona permanentes escapes e atascamentos”.
“No Goberno de Soutomaior estamos convencidos que o rural ten dereito a contar cunhas vías que lles permitan desenvolver o seu día a día nas mellores condicións. Traballamos desde o comezo de mandato para que a veciñanza de Soutomaior conte cunhas estradas municipais que lles permitan desprazarse sen dificultades para traballar, desfrutar do seu tempo libre e que dean acceso a servizos básicos esenciais”, concluíu Manu Lourenzo.