O BNG presenta máis de 30 enmendas para incrementar os investimentos da Xunta na comarca de Pontevedra-Caldas
Pontevedra, 5 de decembro de 2024. O grupo parlamentar do BNG rexistrou máis de 30 enmendas coas que pretende incrementar substancialmente o nivel de investimento da Xunta na comarca de Pontevedra e así dar resposta a numerosas necesidades da veciñanza dos concellos.
Trátase na maior parte dos casos de impulsar e axilizar proxectos de infraestruturas viarias, centros de saúde, centros de ensino, obras de saneamento
No que atinxe ao Concello de Pontevedra as demandas céntranse na mellora da rede viaria (núcleos de centralidade de Lérez e Marcón), plan de mellora dos centros educativos, achega de persoal á UAD, apoio aos Premios Feroz, variante de Alba, recuperación dos terreos da Xunqueira da Gándara, recuperación ambiental da desembocadura do Valdecorvos e mellora da rede de pluviais, recuperación da delegación da CRTVG.
No concello de Poio as principais propostas refírense ao novo vial do Vao e a urbanización da avenida da Barca, a mellora integral da PO 308 e a construción do novo centro de saúde nos terreos da Canteira de Graña.
En Caldas, o novo centro de saúde, ampliación do comedor do CPI Alfonso VII, e a reforma do CEIP San Clemente.
En Soutomaior, a ampliación do instituto, a construción do novo centro de saúde e o traspaso da estrada PO-264 ao seu paso por Arcade.
En Barro, a urbanización e mellora da seguridade viaria na PO-531 ao seu paso por Barro
En Moraña, a recuperación paraxe da Pontenova afectada polo encoro do Río Umia.
En Cerdedo Cotobade, construción do pavillón de Deportes de Tenorio e do centro de Saúde de Carballedo, residencia de maiores de Carballedo, ademais de actuacións de mellora do saneamento e da rede viaria.
En Ponte Caldelas, a mellora da PO-532 e o saneamento das parroquias do rural.
En Valga, construción dos espazos e infraestruturas para o ciclo de agroxardinería e composicións florais e traslado do centro de día do auditorio ás instalacións do CODI en Baño Valga
En Pontecesures, a mellora do estado das beirarrúas da PO-214 e o saneamento integral.
Como actuacións de ámbito comarcal cabe sinalar a mellora ambiental do río Umia ou a recuperación e promoción do gran complexo da arte rupestre do val do Lérez e Ponte Caldelas.