Caldas comeza esta fin de semana a súa programación de Nadal enchendo todos os días das festas con chocolate, música, deportes e moitas actividades
Caldas, 5 de decembro de 2024. O Concello de Caldas vai comezar esta fin de semana a súa programación de Nadal enchendo todos os días das festas con chocolate, música, deportes e moitas actividades. O Tenente de Alcalde Manuel Fariña subliña que a súa Concellería vai seguir a fórmula “que tanto éxito tivo o ano pasado” e repartirá de novo as celebracións tanto polo centro da vila como por todas as parroquias.
O calendario de Nadal en Caldas, tras o acendido das luces do venres pasado coa Mekanica Rolling Band, arrancará motores este sábado coa Papanoelada Moteira.
Haberá actividades e obradoiros de manualidades (arte floral, coiro, adobíos), así como o Choconadal polas parroquias, unhas xornadas de convivencia, chocolate e rosca que comezarán o día 14 no Saiar (20h), e seguirán o día 15 en San Clemente, o día 16 en Bemil, o día 17 en Tivo, o 18 en San Andrés, o 19 en Godos, o día 20 en Carracedo e o día 21 de decembro en Arcos, todas estas ás sete da tarde.
A música será outro dos ingredientes principais na ambientación das festas. Están organizadas audicións de Nadal na Escola Municipal de Música para o día 10, o 11 e o 12 ás sete da tarde, así como tamén un concerto da Coral Polifónica na igrexa de Santo Tomé o día 22 ás oito menos cuarto da noite. Porá o broche musical da programación o concerto de Nadal da Banda de Música Municipal de Caldas de Reis ás oito da tarde do día 29 na igrexa de Santo Tomé.
Os deportes converteranse tamén este Nadal en motivo de encontro. O Concello, da man dos diferentes clubs locais, vén de organizar unha exhibición 4x4 en San Andrés a partir das 10.30 da mañá do día 14. Será tamén unha cita solidaria xa que recollerán xoguetes para a rapazada valenciana. O día 23 será o „Día do Baloncesto‟ no pavillón municipal. Haberá competicións para xogadoras de 6 a 10 anos entre as dez da mañá e a unha da tarde, de 11 a 15 anos entre as cinco e media da tarde e as oito da noite, e a partir de 16 anos dende as oito ata as dez da noite. O día 26 será a quenda do „Día do Voleibol‟, con participantes de 8 a 15 anos entre as dez da mañá e a unha da tarde e entre as seis da tarde e as nove da noite para maiores de 16 anos. O “Día do Xadrez” será o 27 de decembro, con partidas para todas as idades entre as dez da mañá e a unha da tarde. O día 28 celebrarase, como xa é habitual, o Trofeo de Salvamento na piscina pública “Antía García Silva”, para dar paso xa o 2 de xaneiro ao “Día do Tenis de Mesa‟.
Baile de Nadal
Como novidade especial da programación deste ano, o Concelleiro de Festas Manuel Fariña destaca que o Concello vén de organizar a celebración dun Baile de Nadal para as e os maiores caldenses. Será no Centro Comarcal ás oito da noite e estará amenizado con música en directo do “Dúo Acheriza2” para pasar un bo rato.
Outras das citas máis sinaladas no calendario serán a chegada do Apalpador o 23 de decembro, que fará un percorrido pola vila saíndo á unha da tarde da Praza das Palmeiras. Xa pola tarde na Praza José Sesto estará Papá Noel a partir das catro e media para atender a toda a rapazada que o desexe.
Igual que o ano pasado, volverán realizarse as „Badaladas Miúdas‟ destinadas a que as máis novas e novos de Caldas poidan vivir o cambio de ano cunha gran festa. Neste caso a celebración será o 30 de decembro ás seis da tarde na Praza das Palmeiras e contará con ambientación. A programación municipal de Nadal pechará o cinco de xaneiro coa Gran Cabalgata de Reis, que comezará ás cinco da tarde.
Con toda esta grande e variada lista de actividades para todos os públicos o Tenente de Alcalde Manuel Fariña animou á veciñanza e ás persoas visitantes a gozar de Caldas durante o Nadal. Subliñou que a vila está moi fermosa e manifestou a súa confianza en que se encha de dinamismo e ledicia. “Son datas moi especiais para gozar xuntas, polo que dende o Concello poñemos da nosa parte para que o ambiente sexa estupendo e o movemento comercial tamén sexa o mellor”, subliñou o nacionalista.