Soutomaior vive o seu Nadal no Comercio e Hostalería
Soutomaior, 4 de decembro de 2024. A concelleira de Promoción Económica, Rosana Comesaña, fixo entrega dos adobíos do Nadal e dos Tickets do Nadal no Peto no comercio e hostalería do concello.
O Concello de Soutomaior, consciente da importancia que ten o comercio e a hostalería local como motor da economía ao xerar emprego e dinamismo económico pon en marcha o programa EU QUERO LOCAL no Nadal convidando a hostalería e comercio a dar visibilidade a estes establecementos e poñer en valor da inmensa riqueza humana e social coa que conta Soutomaior.
Accións nas que participan son dúas Adobiar o Local e O Nadal no Peto.
ADOBIAR O LOCAL
Con esta acción de Nadal dende o goberno municipal queren dar unidade e reforzar a rede local mediante o adorno exterior de comercios e locais que se sumará ás luces. As florerías do concello foron as encargadas da súa elaboración e colocación na entrada de cada establecemento. Os motivos son festivos e tradicionais e xa locen nos establecementos do concello. Ao igual que o adorno de Nadal realizado polos centros de día do concello Boas Apertas e SoutoMaiores, un adorno feito con moito mimo e agarimo polas nosas maiores para cada un dos establecementos que se adheriron a través desta acción.
O NADAL NO PETO
Hoxe deu comezo a campaña o Nadal no Peto que ten como obxectivo incentivar o gasto no comercio e hostalería local. Dende o concello destinarán 1500€ repartidos en quince premios de 100 euros que se sortearán entre as persoas que realicen unha ou varias compras por valor mínimo de 20€ nun establecemento comercial ou hostaleiro do Concello de Soutomaior ata o 6 de xaneiro de 2025. A concelleira Rosana Comesaña fixo entrega dos tickets os establecementos que forman parte desta acción. As persoas que participen na mesma deberán depositar as tarxetas nos buzóns localizados na Casa do Concello, Biblioteca Municipal e Centro municipal de maiores (Talo Río).
O Nadal de Soutomaior dará comezo este sábado 7 de decembro co acendido das Luces, unha cita para a que se contará coa colaboración especial do colectivo EN POSITIVO, Asociación de Diversidade Funcional. Un 7 de decembro que contará con moitas actividades entre as que se atopa o concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona, un Karaoke para o desfrute dos e das máis peques da casa e chocolatada de balde.