PODE AFECTAR NEGATIVAMENTE ÁS TRABALLADORAS ADSCRITAS AO CONTRATO

O BNG denuncia que a nova licitación do servizo de limpeza dos edificios e instalacións municipais de Valga incumpre a Lei de Contratos do Sector Público

O BNG denuncia que a nova licitación do servizo de limpeza dos edificios e instalacións municipais de Valga incumpre a Lei de Contratos do Sector Público

Valga, 4 de decembro de 2024. O 27 de novembro de 2024 o Concello de Valga publica no portal de Contratos Públicos de Galicia a licitación para a “contratación da limpeza e conservación dos edificios e instalacións municipais”. Este contrato ten por obxecto a contratación dun servizo de limpeza sobre os edificios e instalacións municipais, por un importe de 101.924,58 euros anuais, durante catro anos.

O prego de cláusulas administrativos particulares non inclúe ningún criterio para determinar o carácter desproporcionado do prezo ofertado e tampouco fixa ningún parámetro obxectivo que sinale unha anormalidade respecto da totalidade da oferta. Isto é un claro incumprimento da Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público, que no seu artigo 149.b indica que neste tipo de licitacións téñense que “establecer os parámetros obxectivos que deberán permitir identificar os casos no que unha oferta se considere anormal, referidos á oferta no seu conxunto”.

Respecto das melloras que se valoran “limpeza das zonas verdes e axardinadas dos edificios e instalacións obxecto da licitación”, estas non se axustan á doutrina xeral das melloras, pois xa veñen esixidas e determinadas no prego de cláusulas técnicas deste servizo, no que se indican que “limpeza, rego e coidado do céspede e plantas dos recintos exteriores” están contidos nos traballos obxecto do servizo. Deste xeito, non ten sentido algún que se valore unha labor como mellora, xa que esta está contida nas características técnicas da contratación.

Esta non é a primeira vez que unha licitación realizada polo goberno municipal contén irregularidades. En xuño de 2024, o Concello de Valga veuse na obriga de anular un concurso por irregularidades nas bases e infrinxir a Lei de Contratos do Sector Público, tras un recurso interposto polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

O responsable da redacción dos pregos de cláusulas administrativas de todas as licitacións municipais é o despacho de avogados Martín Gómez Abogados, S.L.U., o actual adxudicatario do servizo de asesoría xurídica municipal, o mesmo ao que o Concello de Valga abonará os gastos xudiciais derivados de procesos penais que afectaron ao alcalde e ao secretario, malia que este servizo ten incluída a defensa xurídica.

En definitiva, a non fixación de criterios e parámetros que determinen ofertas anormalmente baixas supón un grave risco para a futura prestación do servizo de limpeza e conservación dos edificios e instalacións municipais de Valga, pois a calidade deste respecto da súa execución pode afectar negativamente ás seis limpadoras adscritas a este contrato.

O BNG denuncia que a nova licitación do servizo de limpeza dos edificios e instalacións municipais de Valga incumpre a Lei de Contratos do Sector Público