Caldas saca músculo como cita de referencia no trail galego coa 2ª edición do ‘Trail Laxe dos Bolos’

Caldas saca músculo como cita de referencia no trail galego coa 2ª edición do ‘Trail Laxe dos Bolos’

Caldas, 14 de novembro de 2024. Caldas de Reis saca músculo como cita de referencia no trail galego coa organización da segunda edición do ‘Trail Laxe dos Bolos’ o vindeiro 16 de marzo de 2025. A vila termal incluirá un campionato absoluto –incluído dentro do calendario oficial do ‘Galicia Trail Running Series’ e que servirá para definir a Selección Galega-, e contará tamén con dúas distancias máis e unha andaina popular aberta a calquera participante. 

Segundo explica o tenente de alcalde e responsable da concellería de Deportes, Manuel Fariña, o Concello está a pechar os últimos aspectos da organización e en breve abriranse as inscricións da man da Federación Galega de Atletismo. A gran cita desputarase nun trazado renovado dentro dunha contorna de especial beleza como é o Monte Xiabre: nesta ocasión predominarán as subidas e baixadas longas, ofrecendo un percorrido claro para as persoas deportistas e bo de seguir para o público. 

O trail ‘Laxe dos Bolos’ forma parte do calendario oficial da ‘Galicia Trail Runnin Series’ no que tamén se inclirán citas na Fonsagrada, Ames, Muros, Barbadás, A Guarda e Chantada no primeiro semestre do ano. En palabras da Federación de Atletismo, a proba caldense contará coas mellores deportistas da especialidade e servirá para definir “en gran medida” como estará formada a Selección Galega, xa que é unha carreira puntuable para o ranking galego. 

Coa celebración desta cita, que cumpre a súa segunda edición, o Concello de Caldas aumenta a aposta polo ‘trailrunning galego’, unha modalidade deportiva con gran tirón. Explica o tenente de alcalde Manuel Fariña que o goberno local pretende sacar rendemento ao binomio deportes-turismo para potenciar a economía local. “O ano pasado inscribíronse máis de 225 persoas, que chegaron a Caldas de Reis acompañadas de moita máis xente. Iso supón un tirón importantísimo para darnos a coñecer e situarnos como unha referencia no mundo do deporte”, subliña o nacionalista. 

Caldas saca músculo como cita de referencia no trail galego coa 2ª edición do ‘Trail Laxe dos Bolos’