O movemento bravú festexa o seu 30 aniversario en Pontevedra co documental de Nós TV e o concerto da Banda Xangai acompañada das Rager, do proxecto municipal Xeración Sónica
Pontevedra, 14 de novembro de 2024. O edil Demetrio Gómez presentou a festa do 30 aniversario do bravú en Pontevedra, da man da guionista Ana Viqueira de Nós TV, Xurxo Souto, Gonzalo Maceira como coordinador do proxecto municipal Xeración Sónica e Camilo Franco, director da Culturgal. O evento, que contará coa proxección do filme documental ‘BRAVÚ XXX’ producido e realizado por Nós Tv e unha posterior actuación da Banda Xangai acompañada polo talento das mozas de Rager, terá lugar o 29 de novembro dentro da Feira das Culturas Galegas, Culturgal.
Para acceder, de xeito libre ata completar cabida, só é preciso contar cunha entrada para a feira.
O edil de Cultura quixo salientar que “estamos de lúa de mel co audiovisual en Pontevedra. Cando nos veñen visitar e nos traen producións audiovisuais estamos encantadas e ademais, cando como podedes ver, se hai colaboración entre as entidades que nos visitan e as de Pontevedra, pois moito máis contentas”.
A guionista do filme, Ana Viqueira salientou que “o Movemento bravú que non é pouca cousa neste país. Foi un punto de inflexión no só na na historia da música, senón tamén a historia da cultura e do país en xeral. Hai unha xeración que non se pode entender sen o movemento bravú. Para nós era importante empaparnos desa esencia, ser respetuosas co movemento. Non colocar o 30 anivesario do movemento nunha efeméride de vitrina, achegarnos desde o que realmente é: unha unión da historia da nosa música, dos talentos dos país, que bebe ben da tradición e sabe prolongar esa unión e chegar ás altas modernidades e vangardas da música desde o propio”.
“Sempre tivemos claro que Pontevedra debía ser e é un dos puntos de arranque do documental. É o motor. Arrancamos en Pontevedra e desde esa mocidade, ese fío da nosa historia cultural e musical"
Xurxo Souto, pola súa banda anunciaba que “o día 29 en Pontevedra vai ter lugar un evento único e irrepetible como demanda o Culturgal e co apoio decidido do Concello de Pontevedra: a Sesión Bravú! “Xuntámonos hai 30 anos en Chantada un fato de grupos para pór unha etiqueta do que estabamos facendo. Dicían en aquel momento que o galego non valía para o Rock&roll e creamos unha dinámica de creatividade en colectivo que foi fascinante para nós, descoñecida para a xente máis nova. Este documental está activando moitas cousas bonitas. Cando creamos en galego producimos elementos únicos, queremos facer feliz ao mundo coa riqueza da nosa diversidade”.
A Sesión Bravú é unha creación feita para esa noite que reflicte un pensamento que quizá andaba polas marxes e que agora grazas ao Culturgal, está na cerna. “E grazas ao Concello de Pontevedra, que teño colaborado con vós máis veces, por ese gosto que tedes, de alén de contratar un espectáculo xa feito, crear un espectáculo propio. Esa é a diferencia. Eso é o Bravú”.
“A Orquestra Bravú Xangai vai acompañar a proxección do documental e vai dialogar -e isto é revolucionario- cunhas rapazas de “punkyvedra” que teñen 15-16 anos: as Rager, de Xeración Sónica. Isto é subversivo, que músicos veteranos dialoguen nun espectáculo con rapazas de 15 anos, acontece poucas veces. E onde acontece, no Culturgal.”
Pola sua banda o coordinador do programa municiapal Xeración Sónica, Gonzalo Maceira quixo salientar a sorte de poder participar neste proxecto irrepetible. “Para nós, pensando en que Xeración Sónica é un proxecto de formación, formación en cultura, era unha oportunidade xuntar estas dúas xeracións e ver como un proxecto que nace aquí, que levan dous anos, que están creando as súas propias cancións e estas rapazas son das bandas de Xeración Sónica, dos grupos máis críticos, que teñen letras para intentar mudar o mundo. É un acerto que Rager poida estar coa Banda Xangai o vindeiro venres 29. Ese día imos facer a estrea da canción.