O Concello saca a contratación a redacción do proxecto de mellora da biodiversidade e restauración ecolóxica da Xunqueira da Gándara

Xunqueira da Gándara
Xunqueira da Gándara
O Concello saca a contratación a redacción do proxecto de mellora da biodiversidade e restauración ecolóxica da Xunqueira da Gándara

Pontevedra, 18 de novembro de 2024. O Concello de Pontevedra vén de sacar a contratación a redacción do proxecto da restauración ecolóxica e mellora da biodiversidade da Xunqueira da Gándara, que estará xestionado polo concelleiro de Servizos urbanos básicos e responsable dos parques urbanos, Xaquín Moreda. O proxecto ten un orzamento de 15.887,30 euros (ive engadido) e un prazo para a súa presentación de dous meses. 

A actuación contempla a eliminación ou redución das especies exóticas invasoras presentes no Enil Xunqueira da Gándara e deberá incluír un plan de mantemento posterior. 

O ámbito abarca a xunqueira propiamente dita, a pasarela anterior a ponte Magueiro ata a parte final á altura da nave da Cross. Neste ámbito inclúense as seguintes actuacións: 

  • Eliminación de acacia, mimosa, eucalipto e robinia. 
  • Eliminación de Cortaderia selloana e Arundo donax. 
  • Propostas de actuación para a eliminación de Tradescantia fluminensis e Cotula coronopifolia. 
  • Curta de xunco. Debe contemplarse a curta, retirada e eliminación do material vexetal extraído.
  • Debe integrarse no proxecto un estudo previo do espazo con valoración das condicións actuais e necesidades a contemplar no proxecto con especial incidencia sobre o estado actual das especies invasoras no ecosistema de marisma

A Xunqueira da Gándara 

Segundo os propios pregos do proxecto, o principal problema que ameaza a conservación da biodiversidade da Xunqueira da Gándara é o control das especies exóticas invasoras, tanto vexetais como animais. Ademais disto, en paralelo debe facerse un traballo de manexo da marisma para o que se deben sentar as bases realizando labores de eliminación do exceso de materia orgánica acumulada. 

O proxecto está cofinanciado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico

O ámbito de traballo, o ENIL da Xunqueira da Gándara, é unha marisma salobre, sometida á influencia das mareas que se forma na desembocadura do río Rons ou Gándara. As zonas húmidas son espazos moi sensibles e de gran valor ecolóxico que sufriron graves problemas de conservación nas últimas décadas debido á acción humana. A marisma está moi próxima á cidade e debido á presión urbanística que sufriu en décadas pasada, viu moi reducida a súa extensión. 

Ademais foi obxecto doutras agresións como recheos, a existencia dun vertedoiro sobre a propia marisma ou usos inadecuados. 

Afortunadamente, os cambios en materia de conciencia ambiental frearon estas prácticas e permitiron a súa recuperación polo que aínda se pode gozar dun espazo natural de gran importancia ambiental chegando a ser declarado Espazo Natural de Interese Local. 

Pero iso non implica que estea libre de problemas. Un dos principais impactos negativos que sofre a marisma na actualidade, é a existencia dun elevado número de especies invasoras. A presenza de especies exóticas invasoras é unha das principais problemáticas asociadas á perda de biodiversidade. 

Neste lugar están identificadas, especies de vexetais arbóreas invasoras como son a mimosa (Acacia dealbata), eucalipto (Eucalyptus globulus), acacia negra (Acacia melanoxylon), robinia (Robinia pseudoacacia) e herba da pampa (Cortaderia selloana). Tamén herbáceas como Tradescantia fluminensis, Cotula coronopifolia e Arundo donax. Se falamos de fauna, entre outros, identificouse a presenza de exemplares de Procambarus clarkii (cangrexo de río americano). 

O Concello saca a contratación a redacción do proxecto de mellora da biodiversidade e restauración ecolóxica da Xunqueira da Gándara