INVESTÍRONSE MÁIS DE 2,4 MILLÓNS DE EUROS

Remata a primeira fase do saneamento de Verducido coa pavimentación de todas as vías e a conexión de 87 vivendas

Asfaltados primeira fase saneamento Verducido
Asfaltados primeira fase saneamento Verducido
Remata a primeira fase do saneamento de Verducido coa pavimentación de todas as vías e a conexión de 87 vivendas

Pontevedra, 18 de novembro de 2024. O Concello de Pontevedra vén de rematar nestes días a primeira fase do saneamento de Verducido coa pavimentación das estradas polas que se soterraron as tubaxes. Trátase da zona sur que abrangue os lugares de Verducido e Covadáspera nos que o Concello fixo un investimento de 2.428.982,77 euros. Nestes días poderán conectarse as 87 vivendas que solicitaron a alta. 

A concelleira do rural, María Xosé Abilleira visitou os últimos traballos de reposición do firme que consistiron no fresado das vías e posterior asfaltado de todo o seu ancho, ademais do pintado da sinalización horizontal e instalación da vertical. Nesta última actuación pavimentáronse 12.000 metros cadrados que sumados aos xa realizados no Outeriño e na estrada provincia EP-0011, fan un total de 20.500 metros cadrados de asfalto nesta primeira fase. 

Viaqua, a empresa concesionario do servizo de abastecemento e saneamento do concello, xa está a enviar as cartas aos veciños para que se dean de alta unha vez que os particulares fixeron as acometidas á rede xeral. Na actualidade engancháronse 87 vivendas das 109 que puideran ter o servizo. As que non o fixeron, pódeno solicitar a posteriori pero deberán repoñer o espazo público ao seu estado orixinal, é dicir, pavimentado tal e como está agora. 

A primeira fase do saneamento de Verducido comezouse o pasado mes de xullo logo de que o Concello, por mediación directa da concelleira María Xosé Abilleira, conseguira a autorización dun particular para pasar as tubaxes pola extrema da súa propiedade. Esta autorización permitiu continuar o saneamento e dar a posibilidade de conectarse a esas máis de 100 vivendas. 

Esta non é a situación da segunda fase do saneamento na parroquia de Verducido valorada en máis de 2,3 millóns de euros e que dará a posibilidade de conectarse a unhas 200 vivendas. A concelleira María José Abilleira desvelou que volve a existir un impedimento por parte doutro veciño que debe autorizar o paso dos tubos pola extrema da súa propiedade. 

María Xosé Abilleira confesa que "aínda albergo esperanzas de que a persoa cambie de parecer porque é a única posibilidade para que ese grupo de vivendas do lugar da Abilleira, incluída a do veciño que non deixa pasar, poida conectarse ao saneamento sen ter que bombear". De todos os xeitos, a concelleira anunciou que os equipos técnicos continúan a buscar posibilidades de dar servizo ao lugar aínda que sexan menos beneficiosas para o residentes na Abilleira. 

Remata a primeira fase do saneamento de Verducido coa pavimentación de todas as vías e a conexión de 87 vivendas