Os Orzamentos para 2025 serán os máis altos da historia de Soutomaior, con máis de 5,6 millóns de euros
Soutomaior, 14 de novembro de 2024. O Goberno de Soutomaior aprobará a vindeira semana o seu Orzamento25’ de cara ao ano que vén. Un orzamento que chegará ata os 5,6 millóns de euros, converténdose no máis alto da historia de Soutomaior, despois de que o orzamento do ano pasado xa acadase este fito histórico con 5,2 millóns de euros. Así, as contas do Concello de Soutomaior para o comezo de 2025 terán un incremento do 8% con respecto a 2024 e dun 20% en relación a fai dous anos, o último orzamento aprobado polo anterior equipo de Goberno.
Ademais, ao aprobalos no ano en curso, Soutomaior ten capacidade económica de gasto desde o comezo de 2025, ao igual que en 2024. É o segundo ano consecutivo no que Soutomaior aproba os seus orzamentos en tempo e forma, despois de que nos últimos anos estas contas se aprobasen sempre ben entrado o ano no que se aplicaban (a veces mesmo en abril ou maio).
Neste sentido, o Orzamento25’ de Soutomaior consolida o modelo económico impulsado polo Goberno local, no que os investimentos e as actuacións de protección e promoción social son as liñas forza do orzamento. Así, Soutomaior destinará preto de 400.000 euros de fondos propios a investimentos, o que sumado á captación de fondos doutras institucións, implicará que o Goberno de Soutomaior investirá en 2025 case un millón e medio de euros en actuacións e obras. Compre lembrar que só en 2024 o Goberno de Soutomaior conseguiu case 2 millóns de euros en subvencións.
En canto ás partidas destinadas á protección e promoción social, son as que presentan un maior incremento, con preto dun 20%. Destaca o aumento nos fondos destinados ao Servizo de Atención ao Fogar (SAF) e ao Centro de Información á Muller (CIM). Ademais, o Orzamento25’ incorpora importantes achegas para que o Concello de Soutomaior conte con máis persoal e servizos en materia de limpeza e mantementos municipais.
Neste sentido, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “o Orzamento25’ confirma a aposta do Goberno de Soutomaior por un proxecto ambicioso e serio para o noso concello e a nosa veciñanza, na que non deixamos a ninguén atrás”. O alcalde tamén sinalou que os datos do último ano referendan a boa saúde económica na que se atopa Soutomaior actualmente.
“Hoxe Soutomaior é un concello saneado, cuns datos de tesourería próximos a 1,5 millóns de euros e no que se realizaron investimentos en 2024 por valor de máis dun millóns de euros, máis ca nunca na historia do noso concello a estas alturas do mandato”, engadiu o alcalde, quen tamén sinalou que por segundo ano consecutivo o orzamento conxela as taxas e impostos municipais, agás aqueles que son un imperativo legal, como é o caso do lixo coa transposición estatal da normativa europea sobre o tratamento de residuos. Contamos cunha das axendas de actividades máis completas de toda a comarca, o que fomenta o consumo en Soutomaior e nos permite contar con máis recursos para seguir reinvestindo sen ter que tocar os impostos municipais”, engadiu o alcalde.
“Cando entramos no Goberno tiñamos a idea clara de que Soutomaior teno todo para crecer como concello e ser un referente na ría . O Orzamento24’ foi un primeiro paso nese camiño e agora, co Orzamento25’ e cos datos económicos que nos referendan, Soutomaior consolida o seu crecemento e que este é a liña de traballo que debemos seguir”, concluíu Manu Lourenzo.