Discurso do alcalde de Pontevedra no acto de conmemoración do 12 de Novembro

Discurso do alcalde de Pontevedra no acto de conmemoración do 12 de Novembro

Boas noites, amigos, amigas familia, representantes institucionais, veciñas, veciñas.

Un ano máis xuntámonos arredor dos asasinados o 12 de novembro para lembrar o seu exemplo digno e para renovar o noso compromiso coa súa memoria e a de todas as vítimas do golpe de Estado do 36, asasinadas por defender as institucións democráticas dos envites do fascismo.

Hai quen pensaba que a barbarie da ditadura era un anacronismo superado para sempre, un pasado cara ao que mirabamos para afastalo de vez e, co exemplo de vida da xeración arrebatada, avanzar cara a unha democracia cada día un pouco máis plena.

Porén, hoxe a memoria é moito máis que un acto de xustiza con quen padeceu a represión. É unha ferramenta necesaria e poderosa coa que loitar contra as ideas reaccionarias. Por iso estamos aquí.

Para poñernos fronte a quen buscan un pensamento uniforme e gris, a negación das diferentes culturas e a riqueza das linguas: fronte a un mundo de guerras hoxe redobramos a nosa arela de paz, pluralismo e diversidade.

Todos os días pero aínda máis neste 12 de novembro que nos fai sentir tan preto das familias masacradas na nosa terra e en calquera país do mundo.

Reafirmámonos no compromiso de defender a paz, a fraternidade e a soberanía dos pobos. O dereito a decidir, a vivir en liberdade e afastados de calquera forma de violencia.

E co exemplo de vida de Amancio Caamaño, de Benigno Rey, de Germán Adrio, do seu sobriño José, de Juan Rico, de Luís Poza, de Paulo Novás, de Ramiro Paz, de Telmo Bernárdez e de Vítor Casas comprometémonos a seguir traballando para construír a Pontevedra que eles soñaban e que lles foi arrebatada.

Moito temos avanzado nestas décadas. Na procura constante da memoria colectiva sumamos aos seus nomes as de ducias de obreiros, de campesiños, de mestres, e nomeadamente de mulleres, que foron vítimas da barbarie franquista.

Como sempre demandaron as familias do 12 de novembro queremos que a xustiza da memoria chegue tamén á Pontevedra máis descoñecida, poñendo fincapé en paliar as desigualdades, mimando a todas as persoas sen ter en conta a orixe ou clase social. Facémolo seguindo a senda aberta por todas as persoas que nin no tempo do medo nin na desmemoria que reinou despois estiveron dispostas a claudicar da xustiza do relato. Persoas que mantiveron, que mantedes acesa a luz de cada mártir para sinalarnos con ela o camiño.

Coa recuperación da loita que as vítimas emprenderan en vida para defender os mesmos ideais democráticos, imos construír unha historia máis certeira, máis xusta e máis plural da nosa vila, onde a voz monocorde da ditadura fose contundentemente rebatida polo coro desa xeración da que a Pontevedra de hoxe se sente herdeira.

Todas e cada unha das persoas que habitaron, e aínda hoxe habitamos Pontevedra e Galiza enteira perdemos moito co golpe de Estado. Moitas eivas de hoxe cravan as súas raíces nesa ditadura nacional-católica, misóxina e intransixente que desmantelou o proxecto de sociedade e a vida dos dez homes que hoxe homenaxeamos. E fixo pagar o prezo máis alto ás súas familias, ás súas viúvas, ás súas descendencias, que tiveron que sumar ao dó, o ostracismo. Non podería nomear hoxe todas e cada unha das persoas que axudaron a poñer en marcha e manter esta cita de novembro.

Quero simbolizar o meu agradecemento nas xeracións que chegastes despois, en todas e cada unha das familias que continuades mantendo e transmitindo a memoria de quen vos precedeu, e tamén nas persoas que seguides dia a día investigando e divulgando tanto a represión como os acenos de resistencia e loita.

Grazas.

Grazas por axudarnos a construír unha Pontevedra con memoria, digna, xusta e libre. Sabede que contades con nós para deixarlles claro a quen pretenden agocharnos a nosa propia historia, que non imos dar a esquecemento.

Moitas grazas

Discurso do alcalde de Pontevedra no acto de conmemoración do 12 de Novembro