Novas

O Concello de Soutomaior arranxará o salón de actos do CEIP Manuel Padín Truiteiro

Soutomaior, 14 de outubro de 2024. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, anunciou que o Goberno local vai desenvolver o arranxo do salón de actos do CEIP Manuel Padín Truiteiro, unha actuación falada e consensuada co director do centro escolar. En concreto, os traballos que se desenvolverán consistirán na mellora do actual patio de butacas, a mellora do alumeado e do pavimento do salón e a subsanación de diferentes eivas neste espazo.

O obxectivo desta actuación impulsada polo Goberno local é que tanto o alumnado como o persoal docente do centro escolar poidan desfrutar dun salón de actos en boas condicións e cunhas instalacións coidadas. 

O alcalde Manu Lourenzo sinalou que este arranxo do salón de actos do Padín Truiteiro súmase ás obras e traballos realizados polo Goberno local no CEIP Manuel Padín Truiteiro, a Escola Infantil de Romaríz e a Galiña Azul de Arcade durante o mes de agosto, cos que se cubriron as necesidades inmediatas trasladadas polos equipos directivos dos tres centros educativos.

Ademais, avanzou que o Goberno local mantén un diálogo fluído e constante cos equipos directivos de cara a buscar melloras a medio e longo prazo, co obxectivo de que o alumnado teña acceso ás mellores instalacións posibles.

Neste sentido, o alcalde sinalou que “todos os arranxos realizados nestes centros educativos realízanse con fondos propios xa que para nós investir en educación, dentro das competencias que lle corresponden ao Concello, é un obxectivo prioritario”.

 

Ler novas