Aprobada a moción do BNG para a realización dunha homenaxe institucional a todas as cantareiras de Valga con motivo do Día das Letras Galegas 2025

Grupo municipal de Valga
Grupo municipal de Valga
Aprobada a moción do BNG para a realización dunha homenaxe institucional a todas as cantareiras de Valga con motivo do Día das Letras Galegas 2025

Valga, 26 de febreiro de 2025. A Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas tres das Pandeireteiras de Mens (Malpica). Foi precisamente un valgués de Cordeiro, Xesús Ferro Couselo quen impulsou, xunto cos académicos Francisco Fernández del Riego e Manuel Gómez, a celebración do Día das Letras Galegas o 17 de maio de cada ano, coincidindo co centenario da primeira edición de "Cantares Gallegos", de Rosalía de Castro. 

As mulleres foron figuras centrais na creación, preservación e transmisión da cultura: tense dito que as pandeireteiras son símbolo de resistencia, empoderamento e sororidade. Cantadoras, tocadoras e bailadoras fortalecían os vencellos comunitarios no ocio colectivo, inconscientes, probablemente, da súa forza emocional e política. Desde as primeiras recollas foise pondo de relevo a figura do gaiteiro, que desempeñaba o seu oficio no espazo público, mentres que as pandeireteiras tocaban no espazo privado, conforme o papel asignado ás mulleres. Por esa razón, e para visibilizar o dobre ocultamento de xénero e materia popular, optouse por unha candidatura feminina. 

Coa elección de 2025 quérese recoñecer a importancia da poesía popular oral, que acompaña a nosa sociedade desde sempre, e que en Valga, como en toda Galiza, tivo moita importancia. Así, sobre todas as cantareiras valguesas destacaron as Pandereteiras de Moldes, quen continuaron tocando até ben entrado o século XXI. Entre todas as que chegaron a formar parte do grupo, destacan as irmáns Maruja e Olga Tarrío Campaña, que entoaron coplas tradicionais boa parte das súas vidas. Pezas como “A xota da sementeira” ou “A ribeirana” fixéronse moi populares e son testemuñas do folclore popular de Valga. Co paso dos anos, María foi transmitindo boa parte do seu saber a recolledores de cantares e estudosos do canto e a pandeireta. 

Outras cantareiras que deixaron un forte recordo na memoria colectiva foron Clara Campaña Sabogueiro “A Caldeireira”, Dolores Pena, Asunción Dina Castiñeiras “Dina do Casadiño”, Rosa “de Lema”, Esther “do Piloto”, Lola “de Quinteiro”, Maruja “da Pena”, Rosa “de Quinteiro”, Manuela “a do Rubio”, as irmás María e Alcira de Cerneira, Asunción Castroagudín Sóñora ou Elena Seoane Castroagudín. 

Todas as mulleres citadas anteriormente son só algunhas das que mantiveron a tradición oral ao longo dos anos, mais tampouco se debe esquecer das que sostiveron e continuaron co necesario traballo de conservación e divulgación, preservando parte do noso patrimonio cultural, social e mesmo histórico, e que en conxunto, conforman tamén a identidade do pobo. Algunhas destas cantareiras que recolleron o relevo en Valga son Lidia Gallas, as irmás Montse e Anabel Sanmarco, ou Raquel González. 

O BNG de Valga propuxo, mediante a presentación dunha moción no pleno do día de onte, que o Concello de Valga realice unha homenaxe institucional a todas as cantareiras de Valga con motivo do Día das Letras Galegas 2025, que este ano está dedicado ao cancioneiro popular galego e á poesía oral personificadas nas cantareiras. A moción foi aprobada por unanimidade de todos os grupos políticos da corporación municipal. 

Mellora da seguranza viaria nas contornas dos colexios

Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga tamén solicitou unha vía especifica e segura para que os nenos e nenas dos colexios de Baño e Cordeiro poidan baixar dos coches sen obstruír a vía pública nin expoñerse a posibles accidentes, modelo que xa se puxo en marcha algúns concellos baixo a denominación de Bico e Vai!. 

Modificación do plan sectorial que afecta ao polígono industrial da Medela

O BNG de Valga tamén se dirixiu ao alcalde respecto da ocultación aos veciños e veciñas da modificación do Plan Sectorial do ano pasado que afecta ao polígono industrial da Medela e que, malia que as sentenzas botaban abaixo dito polígono, a cualificación de solo segue sendo a de urbanizable industrial. A non modificación do solo, segundo o exposto nas sentenzas, fai que moitos veciños e veciñas da Medela e Magariños recibiran notificacións do Concello esixindo a limpeza das faixas de protección, pois seguen considerándose solo urbanizable industrial, cando as sentenzas obrigaban á súa reversión en solo rústico de protección forestal. 

Aprobada a moción do BNG para a realización dunha homenaxe institucional a todas as cantareiras de Valga con motivo do Día das Letras Galegas 2025