O Concello de Barro anuncia a construción dunha pista de pádel e a reforma das instalacións do campo de fútbol do Outeiro

Barro, 26 de febreiro de 2025. O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, xunto coa concelleira de Deporte, Andrea Pérez Cal, presentaron hoxe dous proxectos para a construción dunha nova pista de pádel no lugar de Santo Antoniño e a reforma dos antigos vestiarios do campo de fútbol do Outeiro. O orzamento total destes dous proxectos ascende a 97.000 euros.
A nova pista de pádel será unha instalación totalmente gratuíta e aberta ao uso da veciñanza de Barro, co obxectivo de promover a práctica de deporte para todas as idades e o benestar da comunidade. Este novo equipamento terá un orzamento base de licitación de 57.000 euros e ofrecerá un espazo de lecer e competición que fomentará a convivencia e a actividade física na zona.

Esta infraestrutura estará situada na área que actualmente alberga elementos de ximnasia e mobilidade para persoas maiores na rúa do Pazo. Estes elementos serán reparados e trasladados a unha zona sombreada, baixo a copa de árbores, cerca da nova tirolesa, o que facilitará o seu uso durante todo o ano e promoverá un entorno accesible e agradable para todos e todas.
“O noso compromiso é seguir apostando por contar con máis e mellores espazos deportivos que posibiliten que cada vez máis persoas poidan practicar distintos deportes en Barro, pois o deporte xoga un papel fundamental para a calidade de vida da veciñanza”, declarou o alcalde.
O outro gran proxecto en materia de instalacións deportivas para este ano do Concello de Barro executarase no Campo de fútbol do Outeiro, cun importe de algo máis de 40.000 euros. Con esta actuación renovaranse por completo os vestiarios vellos, realizaranse melloras nas gradas e renovarase a pintura de todas as instalacións.
Con estas iniciativas, o Concello de Barro reafirma o seu compromiso co fomento do deporte e o benestar da súa veciñanza.