A RÚA COUTADA PASARÁ A DENOMINARSE "RÚA COUTADA-ALCALDE FERNANDO PEREIRA"
Soutomaior rende homenaxe a Fernando Pereira, o seu primeiro alcalde da democracia

Soutomaior, 22 de abril de 2025. O concello de Soutomaior iniciou os trámites para renovar a Rúa Coutada (rúa pola que se accedía á antiga casa do alcalde) que pasará a ser Rúa da Coutada – Alcalde Fernando Pereira. Un acto que ten lugar cando se acaban de cumprir 25 anos do seu pasamento.
O acto dará comezo este venres ás 20:30h co descubrimento da nova placa na rúa Coutada (fronte á Cafetería Pastelería Acuña, Arcade) e coa interpretación do himno galego. A continuación no Multiúsos terá lugar o acto central da homenaxe, unha cita que contará coa intervención do actual alcalde, Manu Lourenzo, e coa actuación musical de ’Mini’. Despois será a quenda da palestra ‘Un pobo, un Alcalde’ que estará moderada por Pepe Carreiro en representación da familia, e contará coa participación de Ánxela Sobral quen foi concelleira con Pereira no Goberno, do ex vicepresidente da Xunta de Galiza e o que era alcalde e amigo durante os tempos de Pereira en Allariz, Anxo Quintana, e onde tamén estará o director da Fundación Rosalía de Castro, e tamén amigo, Anxo Angueira.

Fernando Pereira foi alcalde en Soutomaior dende o ano 1979 ata o ano 1995, foi o primeiro alcalde da historia da democracia do noso concello, unha persoa de referencia e cun papel moi importante en moitos eidos, entre eles, no exilio onde tivo relación con José Mujica ou con Eduardo Galeano.
Pereira foi unha persoa cun ineludible compromiso galeguista, que sempre velou pola defensa da cultura e da identidade do país. Durante os seu mandatos sairon adiante importantes proxectos para o concello que chegan ata a actualidade como son a estrutura urbanística de Soutomaior ou a Festa da Ostra.

Pereira e con el Soutomaior, foi o 1º concello de Galiza en contar un Plan de Normalización Lingüística e grazas a este alcalde, Soutomaior foi o primeiro concello en contar con rúas adicadas a Alexandre Bóveda, Castelao ou Rosalía de Castro.