INTERVENCIÓN DO ALCALDE DE PONTEVEDRA NA APERTURA DA SEMANA GALEGA DE FILOSOFÍA
Filosofía e Nihilismo

Pontevedra, 21 de abril de 2025. Bo día a todas e todos,
É unha honra poder estar aquí de novo, neste Teatro Principal de Pontevedra, dándovos á benvida a unha nova edición da Semana Galega de Filosofía, este ano xa na súa corenta e unha celebración, aquí, nesta cidade na que presumimos de acoller e de inspirar.
Pontevedra é unha cidade que pensa, que camiña a paso humano, que ve cuns ollos especiais e únicos o espazo público e as súas posibilidades. Pontevedra é unha cidade onde a palabra e o pensamento teñen oco nas prazas, nos cafés e nos teatros. Quero pensar que a Boa Vila é unha das cidades máis humanas e culturais de Galiza e do mundo, un exemplo de como a calidade de vida das persoas está por riba de calquera outro elemento.
Neste contexto, é especialmente significativo que nos xuntemos aquí para pensarmos, xuntas e xuntos. Porque a filosofía non é un luxo, nin unha reliquia académica: é unha necesidade. Hoxe máis ca nunca. Nun tempo onde todo semella moverse sen rumbo, onde as verdades son esquivas e os valores compartidos e colectivos tremen; a filosofía achéganos preguntas, dúbidas, criterio e lucidez.
Este ano centramos a mirada no nihilismo, ese malestar difuso se así queremos dicilo, un elemento que percorre á sociedade; esa sensación de baleiro, de falta de sentido, de horizonte. O nihilismo está presente no cansazo colectivo, na desconfianza nas institucións, na perda de esperanza no futuro. Mais fronte a ese baleiro, a filosofía ofrece reflexión e resistencia. Invítanos a buscar sentido alí onde parece que non o hai, a reconstruír xuntos un marco colectivo e vital para afrontar o presente con responsabilidade e esperanza.
A Semana Galega de Filosofía é, pois, un acto de coraxe intelectual, un espazo aberto ao pensamento libre e comprometido. Que sexan estas, unha vez máis, unhas xornadas para pensar xuntas, para escoitar, para desacougar e ao mesmo tempo reconstruír, idear e cavilar sobre os nosos pasos futuros.
Parabéns á Aula Castelao polo seu traballo inxente e por seguir facendo de Pontevedra unha capital internacional á hora de falarmos de filosofía, dinamismo e vangarda. Agardo que tanto vós, o público e asistentes, así coma os relatores e relatoras chegados dos distintos lugares do mundo, gocedes desta experiencia e gocedes de Pontevedra.
Moitas grazas.